A Canuda mellora as súas instalacións deportivas

O Concello de Salvaterra iniciou as obras cun importe de 139.000€

Salvaterra de Miño | O Concello de Salvaterra ven de iniciar as obras de mellora das Instalacións Deportivas da Canuda por un importe de máis de 139.000 euros, financiadas a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra.

Estas obras englóbanse dentro do Plan Municipal de Mellora de Infraestruturas Deportivas, que nestes catro anos investirá máis de un millón de euros nas diferentes infraestruturas do municipio co fin de mellorar os servizos que ofrece o Concello aos seus veciños e veciñas.

A superficie na que se vai actuar está composta por tres áreas con usos deportivos diferentes, por un lado na pista polideportiva para fútbol sala, nas dúas pistas de tenis e na zona de Skate Park, co fin de mellorar os pavimentos existentes nas tres áreas que se atopan deterioradas polo uso e o paso do tempo.

Na pista de fútbol sala procedeuse á retirada de céspede artificial, que non se atopaba nun estado adecuado para a realización de actividade deportiva, para posteriormente acondicionar e pintar a pista. Igualmente o pavimento poroso das pistas de tenis atópase bastante deteriorado nalgunhas zonas co que se procederá á reparación e posterior pintado e marcaxe, así mesmo, tanto o pavimento de formigón como as xuntas de dilatación da zona de Skate Park atópanse danados e demasiado rugosos, polo que se procederá tamén á reparación e pintado axeitado de toda a superficie, ademais de substituír e modernizar a zona.

O proxecto consiste en reparar, pintar e marcar os pavimentos existentes e na substitución dalgúns dos equipamentos existentes, sen alterar o tamaño de ningunha das superficies nin os usos das mesmas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.