A Cañiza | O vindeiro sábado 27 de setembro de 2025 ás 20:30 horas, o Auditorio da Casa da Cultura da Cañiza acollerá o Desfile Moda e Tendencias, un evento aberto ao público con entrada libre.
Este desfile servirá como acto de clausura do XIV Curso de Patronaxe, no que se mostrarán sobre a pasarela as creacións realizadas polo alumnado durante o curso 2024/2025, baixo a dirección de Cristóbal Vidal, prestixioso deseñador de moda estreitamente vinculado á Cañiza. Ademáis, o desfile contará cunha sección especial dedicada á colección propia do deseñador, recoñecido pola súa mestura da sastraría clásica con propostas contemporáneas de gran forza estética.
Tamén participarán como deseñadores invitados sete novas “promesas” da Cañiza e do Condado Paradanta —Sandra Santiso, Rachel Fusión, Ángeles Alonso, Chechi Picardo, Cristina Sicilia, Iago Iglesias e Dares (Xoiaría)—, que presentarán as súas coleccións “cápsula” de moda, artes plásticas e xoiería. Na presentación desta mañá o Alcalde Luis Piña felicitou aos alumnos e ao Mestre Cristóbal Vidal polo traballo realizado ao longo destes meses e destacou a relevancia do desfile deste sábado que conta co patrocinio da Adega As Furnias.
“Este desfile é un escaparate para o talento que se está formando na nosa vila e unha mostra de como a cultura, a creatividade e a aprendizaxe se dan a man. A Cañiza leva anos apostando pola moda como ferramenta educativa. Grazas ao traballo de Cristóbal Vidal e ao esforzo do alumnado, podemos ofrecer ao público unha proposta que combina formación, innovación e identidade local.”
Cristóbal Vidal
Cristóbal Vidal conta cunha longa e destacada traxectoria no mundo da moda. Ao longo da súa carreira foi recoñecido en numerosas ocasións, entre elas cos premios acadados na Pasarela Texoira en dúas edicións (1997 e 2001).
Tamén participou na Pasarela Gaudí, dentro do apartado de novas promesas, onde conseguiu unha notable repercusión polo seu estilo innovador e provocador. As súas coleccións destacan pola capacidade de inspirarse en contextos diversos, dende a historia ata a fantasía ou a cultura popular.
O seu traballo está marcado pola exploración de volumes, o coidado no patronaxe e unha visión creativa que sabe combinar tradición e vangarda.
Ademais da súa faceta como deseñador, Cristóbal Vidal desenvolve unha intensa labor docente. Leva máis de 14 anos impartindo talleres de deseño, patronaxe e costura en Vigo e tamén na Casa da Cultura da Cañiza, contribuíndo a formar novas xeracións.