A Cañiza legaliza ante a CHMS as redes de traídas de augas ata o casco urbano

Despois de case tres anos e medio de tramitación

A Cañiza | Segundo informou o Alcalde Luis Piña esta mañá “tras un longo expediente administrativo aberto no ano 2020, o Concello está na fase final de legalización de todas as augas de consumo humano que forman parte da Rede de Abastecemento da Cañiza”.

A legalización iniciouse en paralelo ante a Confederación Hidrográfica Miño- Sil e ante a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Despois de case tres anos e medio de tramitación, o expediente está a punto de rematar, a falta de que dende Confederación se remitan as condicións que o Concello debe aceptar para a vixencia da concesión.

Segundo explicou o Alcalde Luis Piña está mañá, nos primeiros meses do ano 2020 o Concello iniciou o expediente para legalizar a concesión de todas as augas que abastecen ás vivendas do casco urbano, que non estaban autorizadas, nin rexistradas  ante o órgano competente, que neste caso é a Confederación Hidrográfica do Miño Sil.

O expediente tivo que iniciarse en paralelo ante a propia Confederación que é quen outorga  o uso e concesión das augas, pero tamén ante a Consellería de Sanidade que é a que emite o informe favorable de que todas as augas son aptas para o consumo e cumpren con todas as garantías organolépticas.

Sen o informe sanitario a Confederación non inicia o expediente de concesión e autorización.

Para solicitar o Informe Sanitario ante a Consellería, o Concello tivo que analizar todas as augas das captacións, mananciais, pozos de barrena e depósitos ( que en total suman 35 instalacións) cada 4 meses, durante un ano, de forma estacionalizada. Unha vez acadados todos os resultados analíticos favorables, achegouse ante a Consellería de Sanidade (ao Servizo de Control de Riscos Ambientais de Pontevedra)  a solicitude de emisión de informe sanitario, o día 17.06.2021.

Despois de varios requerimentos e emendas, a Consellería outorgou informe favorable con data do 20.04.2022. Informe que se remitiu á Confederación para continuar co expediente unha vez garantida que as augas do abastecemento son aptas para o consumo humano.

O seguinte paso foi a xeoreferenciación e catalogación de todas as instalacións que forman a rede de abastecemento ( as captacións, pozos e depósitos) por parte dos técnicos da Confederación, xa que para este Organismo non existía ningún elemento hidráulico do Concello da Cañiza legalizado.

A continuación Confederación comunicou a Resolución favorable de concesión da autorización de captación e legalización das nosas augas.

Seguindo coa tramitación, o Organismo remitiu ao Concello e ao Boletín Oficial da Pontevedra o 27.06.2022 o expediente de información pública para que todas aquelas persoas que se consideraran afectadas por esta concesión, puideran presentar as alegacións pertinentes.

O BOP publicou o texto o 15 de xullo de 2022. Pasado o tempo das alegacións, o Concello informou da non presentación de reclamacións, continuando o expediente que actualmente se atopa en trámite de aprobación polo novo Plan Hidrolóxico que entrou en vigor en febreiro de este ano, quedando pendente a sinatura das condicións que deberá aceptar o Concello durante a vixencia da concesión.

Por primeira vez,  dende que se iniciou o servizo de abastecemento da traída de augas do núcleo urbano da Cañiza, hai máis de 50 anos,  a rede municipal está legalizada e autorizada pola Confederación Hidrográfica do Miño Sil.

Novo aparcamento no casco urbano
O pasado 11 de decembro de 2022 o Alcalde Luis Piña anunciou que se iniciaba o proxecto de expropiación e recuperación paisaxística dun novo estacionamento no lugar denominado “Chan de Lourido”, unha zona arborada de máis de 9.000 m2 situada no lugar do Regueiro, na subida que conduce á Casa de Cultura.

Esta actuación nace para dar resposta ás necesidades da veciñanza e dos visitantes de dotar ao núcleo urbano dun espazo máis amplo para aparcamento, co obxectivo de mellorar o benestar dos veciños e ofrecer uns servizos obrigatorios de calidade, sen comprometer outras actuacións de desenvolvemento urbanístico como será a urbanización e humanización da Rúa do Regueiro. Zona que na actualidade acolle gran cantidade de vehículos.

Para realizar esta actuación o primeiro paso é realizar unha expropiación dos terreos necesarios, para o que o Concello xa dispón do proxecto pero que require un plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) que modifique o Plan Xeral de ordenación Municipal (PXOM) aprobado o 27/06/2003, que recolle estes terreos como “solo urbanizable non delimitado”.  Este PEID tramitarase seguindo os pasos que recolle a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

En paralelo a isto, o Concello encargou a redacción do proxecto para o novo aparcamento, que se levará a cabo no momento no que se culmine a expropiación e se obteñan os fondos necesarios.  Dispor do proxecto é fundamental para optar á financiación necesaria no momento no que se presente a oportunidade de obter subvencións doutra administración.

Este proxecto, que se atopa nas ultimas fases da súa redacción, contempla crear unha zona de aparcamento entre vexetación autóctona. O aparcamento articularase en 4 plataformas que discorren na parcela salvando os desniveles, coa circulación dos vehículos e dos peons entre as zonas verdes.

Contará con accesos dende as rúas Álvaro Cunqueiro e rúa Regueiro, con 160 prazas integradas nun espazo natural no que se estima a plantación de 200 árbores autóctonas. Todo o conxunto de superficies serán drenantes, de fácil mantemento e durabilidade.

O deseño deste aparcamento está pensado na mesma liña que marca o plan Ágora da Deputación de Pontevedra, ao que o Concello se atopa adherido, que entende os espazos públicos mais amables co cidadán e integrados na natureza.