A Cañiza | O Alcalde da Cañiza Luís Piña anuncia a adxudicación das obras de mellora do saneamento e da EDAR do núcleo urbano e Valeixe por máis de 1,1 millóns de euros. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) vén de adxudicar definitivamente as obras de mellora do saneamento e da estación depuradora (EDAR) do casco urbano e da parroquia de Valeixe.
A actuación será executada pola UTE Vipeca – San Gregorio por un importe total de 1.128.000 euros, e terá un prazo de execución de 8 meses. Segundo explicou o rexedor, esta intervención forma parte da primeira fase dun plan integral de saneamento para A Cañiza, estruturado en catro etapas e cun investimento global previsto de arredor de 8 millóns de euros. A redacción deste proxecto foi posible grazas ao convenio de colaboración asinado coa CHMS en marzo de 2023, tras anos de xestións iniciadas en 2019 co presidente do organismo, José Antonio Quiroga.
“Conseguimos que a Confederación se implicase directamente cun problema estrutural que vimos arrastrando desde hai máis de dúas décadas. Trátase dun gran avance ambiental para A Cañiza, froito do apoio firme do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico”, destacou Luis Piña. O Alcalde tamén subliñou que é a primeira vez que a CHMS coopera cunha obra desta envergadura no municipio, tratando de dar solución aos graves incumprimentos legais en materia de vertidos que supoñían sancións continuas para o Concello.
Luis Piña tamén quixo agradecer expresamente ao presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, o seu compromiso persoal e o esforzo constante para sacar adiante esta obra tan necesaria para o noso municipio, resultado dunha colaboración institucional sólida e dunha preocupación compartida polos problemas reais da veciñanza. Durante o acto de sinatura da resolución de adxudicación, o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, puxo en valor a colaboración institucional como “clave para avanzar en proxectos que preserven a calidade das augas fluviais” e destacou “o papel fundamental dos concellos como canle directa para detectar as necesidades reais do territorio”.
A intervención: Fase I do Plan Integral
A actuación aprobada inclúe:
A renovación de 919 metros de colectores no núcleo urbano, especialmente nas rúas Antonio Facorro e Sifón, onde as tubaxes actuais están moi deterioradas e presentan infiltracións de regatos e canles de rega.
A eliminación dos colectores que discorren polo leito do regato da Fonte Santa, que pasa polo casco urbano.
A construción dunha nova EDAR en Valeixe, dimensionada para unha poboación futura de 866 habitantes-equivalentes, que contará cun sistema de tratamento biolóxico mediante leito bacteriano.
Estas obras permitirán corrixir os problemas crónicos de sobrecarga na EDAR urbana, os desbordamentos en estacións menores, as deficiencias na EDAR industrial e a mala calidade dos vertidos ao río Deva e ao Ribadil. Tamén se dará resposta aos sistemas rurais que actualmente rematan en fosas sépticas con funcionamento deficiente.
Luis Piña asegurou que “este é un paso decisivo para resolver un dos maiores problemas de fondo do noso municipio, e un exemplo claro do que se pode acadar coa cooperación entre administracións cando hai vontade política e compromiso real co medio ambiente e coa veciñanza”.