A Cañiza homenaxea o labor pastoral de Don Miguel Ángel Castro Quinteiro

Polos seus 19 anos de servizo ao municipio

A Cañiza | O Alcalde da Cañiza, Luis Piña, quixo despedir cun emotivo recoñecemento ao párroco Don Miguel Ángel Castro Quinteiro, quen, tras 19 anos de labor pastoral nas Parroquias de Santa Teresa de Xesús da Cañiza, San Sebastián de Achas, Santa Eulalia de Deva e San Xulián de Petán, iniciará agora unha nova etapa na Parroquia da Inmaculada Concepción de Vigo, coñecida como “Os Picos”.

O encontro celebrouse esta mañá, ás 9:30 horas, no Salón Nobre de Sesións da Casa Consistorial. Durante o acto, o rexedor fixo entrega ao sacerdote dun agasallo institucional en mostra de afecto e recoñecemento pola súa dedicación e compromiso cos veciños desde a súa chegada o 6 de outubro de 2006.

No acto tamén estiveron presentes Don José María Vázquez Piñeiro, amigo e cura párroco de Valeixe e O Couto, e a tenente de alcalde do Concello, María José Rodríguez González, quen quixeron acompañar ao homenaxeado neste momento tan especial.

Durante o encontro, o propio Don Miguel Ángel confirmou que se despedirá dos seus fregueses na Misa Solemne que se celebrará o vindeiro mércores 15 de outubro ás 12:00 horas, con motivo da festividade de Santa Teresa de Xesús, patroa da parroquia da Cañiza. Así mesmo, anunciou que o domingo 19 de outubro, o novo párroco, Don José Manuel Pereira Vidal, celebrará o seu primeiro oficio relixioso na Cañiza, marcando así o inicio dunha nova etapa pastoral na comunidade.

O alcalde informou nesta ocasión que non poderá asistir á Misa Solemne do 15 de outubro, xa que ese día deberá participar nunha sesión do Congreso dos Deputados, coincidente en horario, onde representa os intereses da Cañiza e da provincia. Non obstante, trasladoulle persoalmente a Don Miguel Ángel o seu afecto, gratitude e os mellores desexos nesta nova etapa pastoral.

O acto concluíu coa sinatura no Libro de Honra do Concello, no que Don Miguel Ángel deixou unha dedicatoria de gratitude e agarimo ao pobo da Cañiza: “Con profundo e afectuoso agradecemento pola súa acollida e continua colaboración desde o primeiro día ata o último. Sempre me sentín apoiado, valorado e querido. Por iso, mil grazas, as miñas oracións e bendición. Estades sempre no meu corazón.”

O Concello da Cañiza e o seu alcalde expresan o seu máis sincero agradecemento a Don Miguel Ángel Castro Quinteiro pola súa entrega, proximidade e compromiso coa comunidade, desexándolle todo o éxito nesta nova etapa de servizo pastoral en Vigo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.