A Cañiza conta con nova Brigada de Obras e Servizos

Consta de dez operarios para labores de desbroce e bacheo

A Cañiza | O Alcalde Luis Piña mantivo un encontro cos 10 operarios que forman parte da nova brigada municipal de Obras e Servizos, co obxectivo de darlles a benvida e trasladarlles a importancia do traballo que comezaron a desempeñar. Coa posta en marcha desta brigada, arranca a campaña anual de desbroce e bacheo.

Durante a reunión, o rexedor destacou que teñen por diante unha tarefa fundamental: ofrecer o mellor servizo posible á veciñanza, nun municipio que presenta importantes retos derivados das súas características territoriais.
A Cañiza conta cunha superficie aproximada de 108 km², 313 núcleos de poboación, cun territorio montañoso, cunha elevada dispersión parroquial (9 parroquias) e unha ampla rede de accesos a parcelas e montes. Esta realidade tradúcese nunha alta densidade de camiños, que acada arredor dos 205 km de pistas e vías municipais, o que supón un importante esforzo de mantemento e conservación.

O pasado 6 de abril comezaron a traballar a xornada completa as 10 persoas seleccionadas a través das políticas activas de emprego cunha duración dos contratos de 6 meses: ata o 5 de outubro de 2026 . A brigada está composta por 4 conductores operadores de maquinaria, 4 peóns de obras públicas e 2 mozos de recollida de lixo que terán que desempeñar, entre as tarefas principais, a limpeza de viais, bacheos, desbroces, recollida de lixo e outras obras e actuacións municipais necesarias para optimizar o servizo.

Estas contratacións están subvencionadas a través da Liña 3 do Plan + Provincia da Deputación, destinada á conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, cun investimento total de 125.392,54 euros, financiado na súa práctica totalidade por este programa.

O proceso de selección iniciouse coa oferta remitida polo Concello á oficina de emprego de Galicia na Cañiza, solicitando candidatos para cada posto. Na selección valoráronse tanto as circunstancias persoais das persoas aspirantes como a súa experiencia profesional e formación.

O procedemento desenvolveuse respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade, garantindo ademais a transparencia, imparcialidade, profesionalidade e discrecionalidade técnica dos órganos de selección, así como a igualdade efectiva entre mulleres e homes, conforme á normativa vixente.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.