A Cañiza coñeceu “A Historia de Galicia en 30 obxectos”

Presentado libro do historiador cañicense David Gesteira

A Cañiza | O Alcalde Luis Piña acompañou o pasado 8 de maio ao historiador e veciño da Cañiza David Gesteira, na presentación do seu primeiro libro que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello e que tamén contou coa presenza do editor César Lorenzo Gil.

Un acto no que o Alcalde agradeceu ao autor por ter escollido A Cañiza para a presentación desta 1ª edición, impresa pola Editorial Aira “Follas Voadoras” e que xa se pode adquirir nas librerías da Cañiza.

Unha publicación infantil que pretende manter vivo o pasado a través dos obxectos que custodian a memoria viva de Galicia.

“A lectura deste libro ofrece a posibilidade de viaxar entre 30 obxectos cotiáns como unha campá, un carro, unha moeda ou un reloxo, entre outros. Elementos que teñen o poder de comunicarnos coa historia da nosa Terra”, comentou o seu autor.

Polas páxinas desta fermosa publicación, con ilustracións de Miguel Robledo, pasan libros prodixiosos (Códice Calixtino, Como levar unha vida honesta e o Almanaque agrícola), ferramentas do pasado (biface, o martelo e o cincel), edificacións senlleiras e multitude de historias do noso pobo que converten este libro nunha auténtica xoia etnográfica para que tanto nenos como adultos desfruten da súa lectura.

O Alcalde rematou o acto felicitando ao noso veciño por esta fermosa obra, co desexo de que continúe a súa carreira como escritor e historiador e que a Casa Consistorial poida acoller moitas máis presentacións.

“Encontro Poético” con Diego de Giráldez nas Letras Galegas
Segundo informou o Alcalde Luis Piña esta mañá, o pasado sábado 10 de maio o Salón de Plenos reuniu a unha cuarentena de poetas, procedentes de distintas localidades galegas e tamén españolas e portuguesas, para participar nun recital poético cargado de sensibilidade que conseguiu honrar á nosa Lingua e á nosa Terra. Un acto organizado por Diego de Giráldez coa colaboración do Concello da Cañiza.

O Encontro contou tamén coma intenvención da escritora e poetisa tudense Carmeliña García Pereira, quen abriu e pechou o acto coas súas maxistrais declamacións. Tamén participou neste recital o cantautor Xosé Duarte de Vilagarcía de Arousa, interpretando varias poesías con acompañamento musical.

O Acto comezou ás 18h cunha xuntanza na Praza Maior da Cañiza, punto de encontro e emprazamento do Museo Casa Cuartel de Encontro coa Arte de Diego de Giráldez. Media hora máis tarde, o Alcalde Luis Piña recibía a toda a comitiva nas portas do Concello para comezar o recital no Salón Noble de Sesións dando a benvida a todo o público e agradecendo unha vez máis ao noso Cañicense e Fillo Predilecto Diego por ter escollido A Cañiza para realizar este novo encontro coa “Arte”, nesta ocasión en forma de poesía. O Alcalde tamén o felicitou polo éxito de convocatoria na que participaron case unha cuarentena de artistas das letras.

Un agradecemento que foi mutuo, segundo manifestou Diego de Giráldez na súa intervención, por todas as facilidades ofrecidas polo Concello. Tamén agradeceu a todos os homes e mulleres que o sábado quixeron acompañalo nunha chuviosa xornada na que deleitaron ao público cos seus recitais poéticos. Como ven sendo habitual, o acto rematou cunha visita á Casa Museo, para percorrer os 5 andares e 1500 metros lineais de exposición, que acollen a importante colección de obras de Diego de Giráldez, e nas que se poden apreciar as súas distintas etapas artísticas, estilos e evolucións pictóricas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.