A Cañiza | O Alcalde Luis Piña e os organizadores presentaron o sábado 24 de maio esta festa popular galega, cun acto simbólico de “Izado da Bandeira” no Pedroso, á 1073 metros de altura.
Un acto que contou coa participación de “Bruxo Queiman” como mestre de cerimonias e que comezou ás 11 da mañá na centenaria Carballeira do Cacharado, co recibimento do Alcalde a toda a comitiva de cabaleiros e asistentes e que continuou coa entrega simbólica das bandeiras de Galicia por parte de Luis Piña ao Presidente da Asociación Cabalar, Pablo Álvarez, responsable una ano máis de protexer estas tradicións e tamén entrega da bandeira da Cañiza a Samuel Fidalgo.
Nesta xornada inaugural tamén se fixo entrega do «Ferro», útil vencellado ao Curro dende os seus orixes e que representa a identidade dos animais e a propiedade dos mesmos e que foi entregado por José López ao seu fillo Javier López.
Ademáis e continuando co programa da pasada edición, o Presidente da Asociación Cabalar e o Alcalde fixeron unha ofrenda floral ao Cristo da Cañiza, no Cruceiro do Cacharado. O acto inaugural rematou nos Montes do Pedroso co izado das bandeiras e unha comida campestre.
Un evento no que cañicenses e visitantes poderán gozar da baixada dos animais dende as montañas ata o curro para o seu saneamento e colocación de microchips. Unha xornada enxebre na que non faltará a boa gastronomía, música tradicional e moitas sorpresas. Un inesquecible día de romaría e festa e un espectáculo de colorido e bravura propio da nosa rexión.
O Alcalde Luis Piña felicitou a toda a directiva e a todos os veciños e veciñas e colaboradores que xuntos volverán a recuperar esta festa tradicional que se concebiu no ano 1994 para sanear e identificar aos animais. “unha xornada no que se funde o enxebrismo do mundo animal e a natureza, converténdose nun día de Romaría para todos”. Con estas palabras organizadores e Alcalde presentaron o Curro do Pedroso que se celebrará, o 10 de agosto, nunha intensa xornada que comeza xa ás 7 da mañá coa subida ao Curro, coordinación dos equipos e saída á busca dos rabaños, para dar comezo a unha festa que se prolongará ata a noite.
Ao Curro do Pedroso accédese por un ramal da estrada N-120 de Vigo a Logroño, próximo aos edificios Rebeca, e aínda que parte dos accesos son de terra atópanse en boas condicións. Podedes ampliar esta información con imaxes e vídeos no facebook a través do enlace: https://www.facebook.com/currodopedroso