
A Cañiza | O Concello da Cañiza e a Asociación GDR Condado Paradanta asinan un convenio de colaboración que permitirá impulsar o proxecto “A Cañiza, capital do Xamón”, cun investimento de 131.000€.
Así o comunicou o Alcalde Luis Piña tras a sinatura do acordo xunto co presidente da Asociación, Pablo Castillo. O convenio permitirá executar a actuación “A Cañiza, capital do Xamón”, enmarcada no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) Condado Paradanta – Destino Enogastronómico, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU (Goberno de España), impulsado pola Xunta de Galicia.
O acordo ten como obxectivo establecer as bases de colaboración entre ambas entidades para levar a cabo unha actuación estratéxica destinada a poñer en valor a tradición enogastronómica ligada ao xamón, reforzar a identidade local e mellorar a competitividade turística da Cañiza.
A actuación contempla o acondicionamento dun espazo museístico, demostrativo, expositivo e formativo arredor do xamón destinado á realización de catas, obradoiros, actividades divulgativas e exposición, no que os visitantes poderán coñecer e desfrutar dun dos produtos máis emblemáticos da vila, enriquecendo a oferta turística do municipio. Ademáis considerase tamén a posibilidade de que os propios hostaleiros e comerciantes da Cañiza poidan mellorar a súa formación coa celebración de cursos e obradoiros ligados á gastronomía e á atención ao público.
En virtude do convenio asinado, a Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta asumirá a xestión, contratación, execución e xustificación das actuacións previstas no proxecto, mentres que o Concello da Cañiza porá á disposición o espazo e infraestruturas necesarios para o seu desenvolvemento, garantindo así mesmo a conservación e o mantemento da inversión realizada, nos termos establecidos pola normativa que regula os fondos europeos.
O proxecto “A Cañiza, capital do Xamón” atópase xa en fase de desenvolvemento, tal e como se deu a coñecer o pasado mes de abril, tras a celebración das primeiras reunións de traballo para avanzar na planificación desta actuación do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Condado Paradanta – Enogastronómico, impulsado pola Xunta de Galicia e financiado con fondos NextGenerationEU a través da convocatoria extraordinaria do Goberno de España no ano 2022.




