A Cañiza | O Concello da Cañiza, organizador do obradoiro do Bocata de Xamón, superou este 13 de agosto as marcas establecidas en pasadas edicións.
Así o anunciou o Alcalde Luis Piña esta mañá. No marco das celebracións das Festas do Xamón, na xornada de onte elaborouse un bocadillo de xamón de 20,90 metros, fronte aos 20,38 metros acadados en 2024, e conseguiuse cortar dunha soa peza unha loncha de xamón de 27 metros, dous fitos que fixeron historia e espertaron gran expectación entre o público.
Os traballos para facer posible este actividade comezaron o día anterior coa preparación da zona. Pola mañá do día 12 de agosto procedeuse ao corte da rúa Oriente e á instalación do forno municipal, así como á colocación do valado de seguridade, a cargo do persoal do Concello e do electricista Javier Souto. Tamén o responsable de fornear a barra participou nas probas realizadas pola tarde do día 12 para verificar que a instalación funcionase perfectamente.
Xa o día 13 de agosto, arredor das 11:00 horas, iniciouse a preparación final. A barra de pan rústico foi cocida no forno municipal durante preto de tres horas, cun tempo medio de 35 a 40 minutos por cada tramo.
A preparación comezou arredor das 11:00 horas e requiriu unha coidada organización para garantir o bo desenvolvemento da montaxe. A barra de pan rústico foi cocida no forno municipal durante preto de tres horas, cun tempo medio de 35 a 40 minutos por cada tramo.
O reparto do bocadillo iniciouse ás 18:30 horas e permitiu servir preto de 700 racións ao público asistente. Como complemento doce, tamén se elaborou unha gran rosca, igualmente cocida no forno municipal. A tarde incluíu un obradoiro infantil de pan, que se adiantou ás 17:00 horas. Nenas e nenos, equipados con mandís e gorras de cociñeiro agasallados polo Concello, aprenderon a amasar e deron forma a pezas creativas baixo a supervisión de adultos.
Recoñecementos
O Concello da Cañiza agradece a implicación e o traballo de todo o persoal municipal, Concelleiros de Goberno e persoas voluntarias e colaboradores que fixeron posible este éxito colectivo. Mención especial para Víctor Burgos, polo corte da loncha de 27 metros, Galeguiños e Galeguiñas Xente do Mundo, pola elaboración e cocción do pan; e a Javier Souto, pola instalación e funcionamento do forno municipal.
Esta proposta gastronómica forma parte da 59ª Feira do Xamón, que continúa hoxe cun curso de corte de xamón e cata de viños, ás 19:00 horas na Rúa Oriente, con entrada gratuíta e aforo limitado a 100 persoas adultas. As inscricións abrirán ás 18:00 horas diante da Casa Consistorial.