A Cañiza | O Pleno municipal do Concello da Cañiza aprobou inicialmente o Orzamento Xeral municipal para o exercicio 2025, cun importe total de 6.329.733,49 euros, cos votos a favor do equipo de Goberno e os votos en contra do Partido Popular e do Concelleiro non adscrito. Esta cifra supón un incremento de 363.346,60 euros respecto ao orzamento de 2024 (5.966.386,89 €), o que representa unha suba do 6,09 %.
O documento económico consolida unha planificación baseada na estabilidade e na eficiencia, cunha distribución equilibrada entre gasto corrente, servizos públicos e investimento en infraestruturas. O Capítulo I, correspondente ao persoal municipal, ascende a 2.371.930,30 euros, o que representa o 37,48 % do orzamento total. Esta partida incorpora o incremento retributivo do 2,5 % establecido pola normativa estatal, un axuste que responde á obrigatoriedade legal e non á aplicación directa do Plan de Saneamento Financeiro, que se mantén vixente pero non afecta a esta subida concreta.
O Capítulo II, relativo ao funcionamento dos servizos municipais e ao gasto social, ascende a 1.871.353,95 euros, experimentando un lixeiro incremento con respecto ao exercicio anterior debido ao encarecemento de servizos básicos, como o de recollida e tratamento de lixo. O prezo da tonelada aplicado por Sogama duplicouse practicamente no último ano, pasando de 56 a 108 euros máis IVE, o que supón un aumento superior ao 90 %.
Dentro deste capítulo inclúese o gasto social, que alcanza os 806.366,44 euros, dos cales 390.605,86 euros destínanse ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Este servizo, competencia da Xunta de Galicia, conta cunha achega autonómica de 216.864,00 euros, á que se suma a contribución da Deputación de Pontevedra (23.382,86 €) e unha importante participación municipal de 150.359,00 euros para garantir a súa continuidade.
O Concello da Cañiza xestionará en 2025 un volume global de 2.539.249,29 € en investimentos reais, orientados á modernización de servizos, a mellora de infraestruturas e a eficiencia enerxética. Este esforzo inversor susténtase maioritariamente en financiamento doutras administracións, o que permite acometer proxectos de alto impacto preservando a estabilidade das arcas municipais.
En canto á previsión de investimentos para 2025 (Capítulo VI), o orzamento recolle 1.696.138,38 € en novas actuacións. A súa financiación distribúese en 1.093.670,74 € da Deputación de Pontevedra (64,5 %), 212.636,39 € da Xunta de Galicia (12,5 %), 306.046,64 € doutras administracións (18,0 %) e 83.784,61 € con recursos propios municipais (4,9 %). Estes fondos permitirán, entre outras intervencións, a humanización da rúa Antonio Facorro, melloras de eficiencia enerxética no edificio Multiusos, a reforma da depuradora e a mellora de camiños e espazos públicos.
Pola súa banda, os investimentos en execución durante 2025 suman 843.110,91 €. A financiación distribúese en : 355.083,38 € achegados pola Xunta de Galicia (42,12 %), 415.182,82 € pola Deputación de Pontevedra (49,24 %) e 72.844,71 € con recursos propios (8,64 %). Este bloque inclúe, entre outras, a reforma dos alumeados públicos, actuacións de eficiencia no pavillón de Valeixe (incluíndo paneis solares e aerotermia), a pavimentación en Os Loureiros, o miradoiro de Montouto, o muro de Pintelos, composteiros para biorresiduos e o sistema de depuración da piscina climatizada.
Sumando as novas previsións e as obras xa en marcha, o total de 2.539.249,29 € finánciase en 2.382.619,97 € (93,83 %) por administracións externas —Deputación de Pontevedra: 1.508.853,56 € (59,42 %), Xunta de Galicia: 567.719,77 € (22,36 %) e outras administracións: 306.046,64 € (12,05 %)—, mentres que os recursos propios municipais ascenden a 156.629,32 € (6,17 %). Esta forte participación externa garante a viabilidade dos proxectos sen comprometer o equilibrio orzamentario municipal.
O orzamento de 2025 mantén a súa coherencia co Plan de Saneamento Financeiro aprobado polo Pleno o 1 de decembro de 2023. Este plan, elaborado para garantir a estabilidade orzamentaria e reducir a retención do Ministerio de Hacienda sobre a Participación nos Tributos do Estado (PIE), pivota sobre tres eixes fundamentais: a actualización das taxas e impostos municipais, a contención do gasto público priorizando os servizos esenciais e a amortización progresiva do gasto de persoal mediante reestruturación organizativa.
A súa aplicación permitirá continuar solicitando a redución da retención do 50 % ao 25 %, o que se traducirá nun incremento estimado de 26.000 euros mensuais nos ingresos dispoñibles do Concello. O plan mantense plenamente vixente como ferramenta de control económico e saneamento financeiro, aínda que o incremento salarial do persoal deriva unicamente da normativa estatal.
No capítulo de ingresos, o orzamento ascende igualmente a 6.329.733,49 euros, equilibrando gastos e ingresos. O Estado de Ingresos estrutúrase en varias partidas principais: os impostos directos, que inclúen IBI, IVTM, IAE e plusvalías, suman 1.580.259 euros (24,97 % do total); as taxas e prezos públicos achegan 962.507 euros (15,21 %); as transferencias correntes doutras administracións representan 2.109.176,92 euros (33,32 %); e as subvencións para investimentos, recollidas nas transferencias de capital, supoñen 1.583.490,57 euros, o 25,02 % do total. Esta estrutura garante o equilibrio orzamentario e reforza a autonomía financeira municipal, consolidando unha política de ingresos baseada na actualización fiscal e na responsabilidade na xestión.
Tras a celebración do Pleno, o alcalde Luis Antonio Gómez Piña destacou que “este orzamento reflicte unha xestión eficiente e prudente, que aposta polo investimento e polo saneamento económico do Concello, aproveitando ao máximo as subvencións doutras administracións e garantindo os servizos públicos esenciais, malia o incremento dos custes e a rebaixa de ingresos derivados das retencións do Ministerio de Hacienda”.
O Alcalde subliñou tamén que, “a pesar da complexa situación financeira, o Concello aproba uns orzamentos destinados a continuar mellorando e modernizando o equipamento municipal, asegurando a prestación de servizos e o desenvolvemento sostible da Cañiza”.