
A Cañiza | O Pleno da Cañiza aprobou esta mañá os convenios para desenvolver o Programa de igualdade “Clara”, o sendeiro “Entre Abadías” e procesos de selección da Policía Local que quedan asumidos pola Xunta de Galicia.
Segundo comunicou o Alcalde Luis Piña tras a celebración da sesión, o Pleno do Concello aprobou esta mañá por unanimidade, en sesión ordinaria, tres convenios de colaboración orientados a reforzar os servizos públicos, a igualdade e o desenvolvemento territorial: impulso á igualdade co Programa Clara 2026, continuidade do proxecto turístico “Entre Abadías” e a mellora na xestión dos procesos unitarios de selección de calquera categoría da Policía Local que quedan asumidos pola Xunta de Galicia.
Programa de Igualdade ”Clara”
Un dos acordos máis relevantes foi a aprobación do convenio de colaboración co Concello de Covelo para a xestión compartida do Programa Clara 2026. Este proxecto ten como finalidade promover a igualdade de oportunidades e previr a violencia de xénero, centrándose especialmente en mulleres en situación de vulnerabilidade.
O programa contempla accións de formación, orientación laboral e acompañamento social, co obxectivo de mellorar a empregabilidade, favorecer a inserción laboral e reforzar o empoderamento persoal das participantes. Así mesmo, prevese facilitar o acceso a recursos sociais e promover a conciliación familiar.
O Alcalde lembrou que o Programa Clara se puxo en marcha por primeira vez no ano 2024, e contou cunha nova edición en 2025, polo que a aprobación do novo convenio permite consolidar un modelo de intervención social eficaz e adaptado ás necesidades do territorio. A iniciativa será desenvolvida de forma conxunta por ambos concellos, optimizando recursos mediante un modelo de xestión compartida que permitirá prestar un servizo especializado e de maior calidade.
Prórroga para “Entre Abadías”
O Pleno tamén aprobou a prórroga, ata o ano 2030, do convenio de colaboración co Concello de Melón para a reactivación do sendeiro histórico “Entre Abadías”. Un convenio que se enmarca dentro dun proceso de recuperación e posta en valor do camiño.
Este acordo permitirá dar continuidade a un proxecto estratéxico de promoción turística e posta en valor do patrimonio natural e cultural de ambos municipios. O convenio intermunicipal “Entre Abadías” se asinou por primeira vez o 11 de xullo de 2022 polos Alcaldes de A Cañiza e Melón, co obxectivo de relanzar este camiño, con máis de 800 anos de historia, con fins turísticos e de cooperación institucional.
Entre as actuacións previstas inclúense a mellora da sinalización do percorrido, o seu mantemento periódico, a elaboración de material promocional e a participación conxunta en feiras de turismo. O sendeiro, que conecta enclaves de interese histórico entre A Cañiza e Melón, constitúe un elemento clave para dinamizar o territorio, atraer visitantes e xerar actividade económica no contorno rural.
Convenio coa Policía Local
Por último, aprobouse o convenio coa Xunta de Galicia para a asunción por parte da Administración autonómica dos procesos selectivos do corpo da Policía Local e de auxiliares.
Mediante este acordo, a Xunta asumirá a convocatoria, organización e desenvolvemento dos procesos selectivos, incluíndo a xestión de probas, tribunais e formación. Esta medida permitirá axilizar os procedementos, garantir criterios homoxéneos e reducir a carga administrativa do Concello. O convenio enmárcase na cooperación entre administracións para mellorar a eficiencia na xestión pública e asegurar unha axeitada cobertura das necesidades de persoal en materia de seguridade.
Tras a celebración do Pleno, o Alcalde destacou que a aprobación destes convenios supón un paso importante para avanzar en políticas de igualdade, fortalecer a seguridade e potenciar o atractivo turístico da Cañiza.




