A Cañiza adhírese ao convenio contra a Vespa Velutina

Convenio suscrito entre a Xunta e a FEGAMP para a coordinación de actuacións

A Cañiza | O Alcalde Luis Piña ratificou onte a adhesión do Concello da Cañiza a este Convenio no que participan 300 Concellos de Galicia, co obxectivo de frear e actuar para atallar a problemática xerada polo avance da avespa asiática en Galicia a través do  Programa de vixilancia e control fronte a esta especie.

Un Programa que nace xa no ano 2014 co fin de minimizar a incidencia que ao respecto ten a vespa asiática sobre as producións apícolas e sobre a seguridade cidadá.

Este Programa de Vixilancia recolle as actuacións necesarias para a contención e seguimento da Velutina, tendo en conta que este insecto afecta principalmente á produción apícola e tamén ten repercusións sobre a biodiversidade e a seguridade cidadá.

Inclúe actividades relacionadas coa detección precoz de niños mediante avisos a través do 012 e 112 e o control e eliminación/neutralización de niños sempre que sexa posible.

Ata o ano 2020, as actuacións para a retirada dos niños de Vespa Velutina foron realizadas, dependendo das zonas, polos concellos colaboradores directamente, pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e pola Consellería do Medio Rural.

Posteriormente, con data 24 de febreiro de 2020 a Xunta de Galicia e a FEGAMP, co obxecto de redobrar esforzos e centralizar recursos na loita contra o avance desta invasora, asinaron un convenio para establecer a coordinación de actuacións.  Este convenio volveu a ratificarse o pasado 18 de febreiro de 2022 para dar continuidade á execución de forma coordinada do programa galego de vixilancia e ofrecer unha solución homoxénea en tódalas zonas afectadas co obxectivo de acadar una maior eficacia na retirada e neutralización de niños Vespa velutina.