A candidata Paloma Castro pide “unidade e integración” no PSdeG de Pontevedra

Participou en Marín nunha homenaxe da Memoria Democrática

Pontevedra/PSdeG | A candidata á Secretaría Xeral do PSdeG da provincia de Pontevedra, Paloma Castro, fixo un chamamento hoxe á unidade e integración da organización, xa que “é imprescindible dar cabida ás diferentes sensibilidades dentro da estrutura provincial” para “construír un proxecto en positivo” no que “todas e todos contemos”.

“A fortaleza da provincia só se conseguirá coa integración de todas as sensibilidades e, para iso, é necesario fuxir da uniformidade e traballar cun diálogo leal”, incidiu a socialista tras asegurar que mantén “a chamada á unidade de xeito real” dende que presentou a súa precandidatura.

“Para poder afrontar con fortaleza os retos electorais que temos por diante é fundamental que traballemos nun proxecto colectivo no que todas e todos podamos achegar as nosas ideas”, incidiu a candidata socialista que continúa hoxe o seu percorrido pola provincia con encontros coas compañeiras e compañeiros de Vilaboa, Marín e Moaña.

Castro reivindicou así o papel de toda a militancia porque “todas e todos podemos contribuír a facer unha sociedade mellor, dende o alcalde máis votado ata o último militante da agrupación máis pequena da provincia de Pontevedra”.

“Unidas e unidos seremos máis fortes”, sentenciou a socialista quen xa trasladou á outra candidatura a súa disposición a traballar na unidade e integración do partido “porque non podemos permitirnos debilitar o PSdeG na provincia ás portas de 2023, cando teremos dúas citas electorais importantes”. “Cómpre dar pasos cara adiante e non retroceder”, subliñou.

Reivindica a Memoria Democrática
No día en que participa en Marín nun acto de homenaxe ao alcalde socialista represaliado Antonio Blanco, Castro reivindicou tamén a necesidade de “recuperar” a memoria democrática de Galicia.

“Cómpre pechar unha débeda da democracia española co seu pasado e fomentar un discurso común baseado na defensa da paz, no pluralismo e na condena de toda forma de totalitarismo político que poña en risco o efectivo desfrute dos dereitos e liberdades inherentes á dignidade humana”, incidiu.

Neste sentido, asegurou, “o exercicio da memoria histórica, o coñecemento da verdade, a xustiza, a reparación e rehabilitación das persoas perseguidas polo fascismo, son dereitos humanos fundamentais que temos como sociedade e obrigas que adquirimos coas vítimas e as súas familias”. “Non podemos esquecernos de onde vimos porque llo debemos aos nosos antecesores, nomeadamente a aqueles que perderon a vida na defensa dos seus principios”, concluíu a socialista, tras poñer en valor “a aqueles que defenderon a democracia e as liberdades”.