A cadea de erros de Rueda.

O delongado desgaste do affaire Altri está a afectar sen dúbida á estabilidade e tranquilidade da equipa directiva da Xunta e do PPdeG, pois que doutro xeito non estaríamos a falar dun conxunto de feitos nas últimas seis ou oito semanas que debullan cando menos falla de criterios estábeis e mesmo dese sentidiño que a cidadanía deste país pedímoslle ás persoas que nos gobernan.

A celebración na Cidade da Cultura do primeiro aniversario do seu goberno, logo da súa vitoria electoral do 19-F de 2024, foi deses eventos que xustifica cesamentos inmediatos nos gabinetes. A intervención no evento de persoas beneficiarias de prestacións e axudas públicas acordadas neste ano soborda toda liña vermella das regras de estilo e convivencia democráticas, proxectando a mensaxe de que as prestacións e axudas públicas son outorgadas polo Poder e non decididas logo de constatado o cumprimento polas persoas eventualmente beneficiarias dos requisitos esixidos na Lei. O efecto ao ver as imaxes do acto é moi rechamante. A min lembroume o Alò Presidente que adoitaba desenvolver o finado do presidente venezolano Chávez.

“A celebración na Cidade da Cultura do primeiro aniversario do seu goberno (…) lembroume o Alò Presidente que adoitaba desenvolver o finado do presidente venezolano Chávez”

Na fronte Altri, ademais do desaquelado enfrontamento directo de Paula Prado coa sociedade civil galega, o ambientalismo internacional e persoas independentes como Luis Zahera, no debate parlamentario do estado da nación, soubemos da exclusión directa, cunha avaliación baixísima, do proxecto das axudas do PERTE de descarbonización por parte do goberno do estado, nomeadamente polo grao de emisións de CO2 incompatíbel con esta caste de axudas e tamén polo quecemento inducido de 3 graos C na temperatura do Ulla.

Nomeadamente rechamante, nesta fronte da Terra Media, foi a polémica a respecto dun informe da Xunta a respecto dunha liña eléctrica aérea entre Melide e a eventual futura planta de Altri que sufriu alteración horas despois dunha primeira emisión na que se lle requiría á promotora implementar unhas correccións para evitar unha avaliación negativa. Este requirimento foi suprimido na versión definitiva, seica por motivos vencellados a unha suposta maior clareza do propio informe.

Canto ao apagamento do 28-A, de primeiras a Xunta decidiu, no uso dos eu autogoberno (nível 2 de emerxencia) suspender aulas en toda a rede educativa o martes 29-A, acordando o peche de todos os centros. Mais ás 21.30 non se sabe por que razón, a Xunta dimitiu das súas responsabilidades e pediu do ministerio do interior a declaración do nível 3 de emerxencia o que transferiu a competencia do mando único no propio ministerio de Grande-Marlaska, que decidiu, no ámbito dos oito territorios que transferiron ao goberno do estado a súa responsabilidade, a suspensión das aulas mais esixindo a súa apertura por razóns de conciliación. Orde ésta que a Xunta só transmitiu …ás 7.50 am do propio martes 29-A!! Por certo, da Xunta non saíu ningunha análise nin opinión que vencellase o apagamento ao disfuncional modelo eléctrico centralista que rexe actualmente, cuestionase o despregamento da enxurrada de parques eólicos suspendidos xudicialmente ou denunciase sermos os derradeiros en recuperar a enerxía eléctrica, sendo exportadores do 40% da electricidade que producimos.

“[N] esta conxuntura e malia esta cadea de erros, o goberno Rueda e o cumio do PPdeG só saben criticar a oposición do BNG”

Semella que, nesta conxuntura e malia esta cadea de erros, o goberno Rueda e o cumio do PPdeG só saben criticar a oposición do BNG, quer directa, quer indirectamente.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.