Ponteareas | O Corpus Christi de Ponteareas dá novos pasos para ser máis inclusivo. O Concello de Ponteareas en colaboración coa Asociación de Alfombristas Corpus Christi de Ponteareas lanza este ano un Corpus auditivo para que as persoas con discapacidade visual poidan relacionar tramos e olores con notas musicais.
A beirarrúa aromática creada en colaboración coa ONCE, e que relaciona tramos alfombreiros con aromas vexetais e xardineiras de cores para unha mellor identificación, complétase con actuacións musicais que nalgúns dos tramos ofrecerá música. Así, grandes músicos internacionais como Josep Trescoli, violonchelista da Orquestra Nacional de España; Ander Telleria Lázaro acordeonista do Conservatorio Superior de Música de Aragón (CSMA); David Russell afamado guitarrista e Mine Kawakami, pianista de recoñecemento internacional, colaborarán para que o Corpus Christi sexa máis inclusivo.
Os cheiros e notas de Corpus poderanse desfrutar así:
Praza de Bugallal: lavanda en xardineiras de cor verde e música de piano.
Rúa de Oriente: tomiño en xardineiras de cor vermella e música de óboe.
Praza Maior: Romeu en xardineiras de cor gris e música de acordeón.
Rúa Ferreiros: ourego en xardineiras de cor brancas e música de gaita galega.
Rúa Fernández Vega: menta en xardineiras de cor amarela e música de chelo.
Rúa Reveriano Soutullo: curri en xardineiras de cor laranxa e música de saxofón.
Avenida Constitución: santolina en xardineiras de cor antracita e música de violín.
A concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, agradece a colaboración das asociacións, colectivos, empresas e asociación de alfombreiros e salienta a importancia de avanzar na inclusión facendo que a tradición das e dos alfombreiros chegue a máis persoas e poida ser desfrutada dun xeito máis universal.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Raquel Bautista, sinala que estas propostas e colaboración engrandecen o Corpus Christi de Ponteareas e fano evolucionar. Un feito que contribúe ao importante factor de transmisión e duración no tempo do Corpus Christi de Ponteareas. A edil adianta que seguirán apostando pola innovación e propostas creativas e inclusivas para as celebracións de Corpus.
Explica a Asociación de Alfombristas Corpus Christi de Ponteareas que “eses ‘cheiros’ típicos do Corpus ponteareán, únicos nestas datas do ano, foron os elixidos polo “Museo dos Aromas” -tamén único en Europa-, para formar parte do seu catálogo de aromas, integrando o patrimonio da Festa do Corpus Christi de Ponteareas”.
Nesta iniciativa colabora a entidade CAIXABANK e a empresa ELECTROMIÑO.