A banca sempre gana, a democracia perde.

Non hai sistema que se sosteña se non habita un mínimo credo de confianza e xustiza. Non é un sistema solvente e por riba incapaz de liberarse do vicio e corrupción. A cousa aínda se complica máis cando a xente se empeza a afacer ás malas prácticas das ausencias de rigor. Estamos nesa circunstancia tan insalubre para a suposta democracia que leva tanto tempo xustificándose, tentando dar novas de normalidade, dunha certa xustiza, e non atina con ela, co seu carácter reparador que defenda os intereses dos máis débiles, dos máis fráxiles, dos máis abondosos. Estamos véndoo cos nosos propios ollos. Estabamos no escándalo da esperanza e a memoria, para ver que a xustiza é revolucionaria, que é –anque tarde- reparadora, que volve polos esquecidos. Dámonos conta que tamén pode causar catástrofes. A razón quizais sexa que a xustiza tamén está debaixo dos mandados da banca e das grandes empresas da patronal e financeiras. Pobres de nós, de ser así – e resulta evidente- estamos apañados, xa que nos gobernan eles e non a xustiza nin os parlamentos. O Tribunal Supremo acaba de agacharse, incapaz de ditar sentencia firme e de facerse valer. Pásalle o mesmo aos políticos, aos bispos, aos ministros, á oposición e a todas as administracións. Agora tamén aos xuíces, os que nunca son xulgados e que, polo visto, van dar lugar a desconfianza fundada. Con só anunciar as malas prácticas dos bancos ao conceder préstamos e hipotecas xa se acanearon as bolsas e xa empezou o baile e os arrepentimentos. Rectificacións, emendas, agardar o insólito: volta atrás. Cando despois dunha orde vén unha contraorde, resulta absoluta desorde. Ao final pagaremos nós as dúbidas e os silencios, o medo da xustiza. Xa lle viron as orellas ao lobo e corrixen a sentencia con novidosas improvisacións dunha omisión que non foi advertida no seu día, cando sería o normal motivando controis xurídicos de accións e alertas para amparar aos cidadáns. Todo isto levantouse por unhas hipotecas e prácticas abusivas dos bancos que, como non, facíannos pagar os actos xurídicos documentais para evitar os seus riscos, que eles presupoñían, e que cargaban en nós, sendo eles os beneficiados. Levamos tanto tempo en crise, xa parece existencial. Non damos crido que isto sexa fundamento dunha democracia. Igual non é unha democracia ou está en cotas ínfimas de credibilidade. Non é estraño ver políticos no cárcere por defender, iso si con dentes e uñas, os seus perversos intereses, porque non os xuíces cando se sitúan á marxe da lei? Agora tamén resulta normal ver como as empresas, aloumiñadas con orzamentos millonarios públicos, marchan despois de recadar as primas que lles deron uns gobernos torpes, que non pediron compromisos a cambio das dádivas. Alguén preguntou polo hábil xestor que, despois de darlles mil millóns, non pediu contrapartidas? Quen foi, pagou por iso? Aí está Alcoa, 700 postos de traballo que deixa para que a mesma sociedade resolva. Miles de persoas seguen na corda frouxa, familias desafiuzadas, expulsadas e a xustiza arrógase e entrega o dereito de privalos dun fogar aos piratas, ponse do lado dos grandes, non vaia causar xustiza. Aínda para máis, temos gúrteles a mazo e outras lindezas feitas pan de cada día, onde están os que imparten xustiza? Todos eses casos agardando un algo de sentido e eles comedíndose nas sentenzas condenatorias que resultan evidentes. Son poucos os que devolven o roubado, será ineficacia xudicial? Temos enriba de nós as eléctricas cobrando como se fose un luxo tirar da luz, e as autopistas cobrando por respirar, por ir e vir pola nosa casa. Nin aos que coas minas desfán a paisaxe e os ríos, contaminando o aire. Aí tampouco lles botan o dente, pagamos nós e como por riba calamos, e pagamos a enerxía moito máis cara que os que non a xeran, para beneficiar a outros e encubrir o desfalco. Por iso abusan deste xeito e, en vista da nosa conformidade, seguiremos tapando os impagos doutros, coas subas de cada mes e cos baleiros de orde que eles imprimen, omitíndose na defensa de nós. Iso si, e parece novamente burla, fan apoloxía do emprego dunha enerxía moito máis intelixente e eficaz, cuns hábitos de consumo máis equilibrados e responsables. Non cabe dúbida, haberá que revisar o concepto que temos de democracia ou senón establecer unha categoría ínfima para este estado de aconteceres que nos invaden por todos lados.

Mestre e músico.