A Axenda Urbana de Tui lanza unha enquisa en liña

Os tudenses avaliarán e trasladarán a súa visión da cidade

Tui | O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, informa que, como parte do proceso participativo da redacción da Axenda Urbana, xa está dispoñible na páxina web do Concello e na páxina web da Axenda Urbana unha enquisa en liña na que a cidadanía poderá achegar a súa visión sobre a cidade.

Con tan só un clic veciños e veciñas transmitirán a súa opinión sobre o presente de Tui valorando do un ao dez as distintas cuestións plantexadas. Pero ademais tamén poderán trasladar propostas ou iniciativas nun apartado destinado a recoller todas as súas suxestións.

Para acceder á enquisa débese acceder a Axenda Urbana de Tui e clicar en “participa”. Deste accédese directamente a un breve cuestionario de preguntas directas e de doada resposta. Cales son as principais eivas e fortalezas, fomento do comercio, proxectos industriais, emprego, conectividade, xestión de recursos, políticas sociais e acceso a vivendas, son algúns dos temas dos que se poderá opinar.

O goberno solicita a colaboración cidadá e convida a participar nesta enquisa en liña que servirá para coñecer a percepción que ten a veciñanza sobre Tui e ofrecerá importantes datos para o equipo de diagnose e redacción da Axenda Urbana de Tui.

Cabaleiro quere recordar que a Axenda Urbana non é un documento político, é unha estratexia que recollerá o crecemento sostible de Tui a dez anos e indispensable para poder optar ás axudas dos fondos europeos Next Generation. Ademais, adianta que xa está a disposición da cidadanía unha páxina web propia da estratexia na que se pode ir consultando as novidades e avanzas sobre a mesma. No sitio web https://axendaurbanatui.gal/

O proceso participativo da Axenda Urbana contempla reunións con asociacións e colectivos veciñais tanto do centro urbano como das parroquias, con técnicos municipais e voceiros de todos os grupos da Corporación, entre outros encontros e reunións.

Ademais, realizaranse actividades nos distintos centros escolares. Dentro deste proceso de participación tamén terán lugar entrevistas individuais á cidadanía en distintos formatos.

Co proceso de participación e a redacción da diagnose, o concello de Tui continúa a redacción da súa Axenda Urbana, documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos.

Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

O obxectivo do proceso participativo é redactar unha estratexia consensuada que marque dun xeito estudado e planificado o crecemento de Tui nos vindeiros dez anos.

Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

O alcalde, Enrique Cabaleiro, lembra que dos 8.131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.