Ourense | A Asociación Galicia en Asturias cumpre este ano o seu XXX aniversario en Oviedo. Como todos os anos as actividades iniciaranse o día 4 de setembro e durarán ata o día 14. Durante ese tempo estará aberta ao público a carpa do colectivo na rúa Picasso da capital do Principado na que se desenvolverán as xornadas gastronómicas con diversas actuacións.
Os días fortes serán o venres 12, sábado 13 e domingo 14 de setembro. O día 12 será o encontro empresarial astur-galaico na Cámara de Comercio de Oviedo ás 13 horas. Ás 19,30 no Clube de Prensa do xornal La Nueva España, pronunciará unha conferencia Elisardo Temperan Villaverde, canceler secretario do Arzobispado de Santiago de Compostela. O tema será “De Oviedo ao Pórtido da Gloria. Principio e fin do Camiño Primitivo”.
O sábado día 13 ás seis da tarde, procederase á inaugurar o cruceiro galego donado pola Asociación Día de Galicia, no Palacio de Villa Magdalena coa asistencia de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, e Alfredo Canteli, alcalde de Oviedo. Ás 19,30 horas, na sala de cámara do Auditorio Príncipe de Oviedo, haberá un espectáculo musical en homenaxe ás persoas e partidos políticos da Transición e aos país da Constitución. Actuará Lucía Pérez, a cantante do Incio (Lugo) que foi representante de España en Eurovisión no ano 2011. E tamén o artista Antonio Barros e a pianista Ialma. Ás 24 horas haberá una gran queimada de balde na carpa da asociación.
O domingo día 14 ás 11 horas, a soprano Tina Gutiérrez cantará a misa da Catedral de Oviedo en recordo dos socios falecidos: Víctor Montes, Antonio Arias e os amigos Aurora e Enrique.
Ás 13 horas no Hotel da Reconquista, procederase á imposición das insignias de ouro e á entrega dos carnés de socios de honra a María Jesús del Barco Martínez, magistrada juez decana de Madrid e presidenta da Asociación Profesional de la Magistratura. Tamén ao empresario Francisco Rodríguez García, de Reny Picot. Ao remate do acto comezará o almorzo oficial no restaurante do Hotel Reconquista co que rematarán os actos desta edición.
Dezasete empresas
Este ano serán dezasete as empresas de Asturias e de Galicia homenaxeadas na Cámara de Comercio de Oviedo. Hierros Santa Cruz Construcuatro, de Sanxenxo. Roberto Verino, de Verín. Maprinsa. Piscifactorías Somines y Barganeiro. El Desarme. Restaurante La Campana. Cínicas de Ourense Marta Maes. Ángel Miranda. Hotel AC Oviedo. Supermercado Alimerka. Pérez Rumbao. Restaurante Casa Fermín. Camilo de Blas. Constructora San José. AC Principado TV. Plenus. Residencia Santirso. A Asociación Día de Galicia en Asturias está presidida, desde a súa fundación, por Manuel Fernández Quevedo, natural de Loureiro, Concello de Nogueira de Ramuín (Ourense).