
Cenlle | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, eloxiou esta mañá a calidade do sector turístico galego e en concreto o hoteleiro que no mes de febreiro liderou o crecemento da rendibilidade, acadando a taxa de crecemento máis alta de todas as comunidades autónomas, e que acumula dous meses de crecemento na súa facturación ata superar os 28M€ (+7,35).
Así o manifestou durante a xornada da Asociación Española de Directores de Hotel que tivo lugar no Balneario de Laias e que se centrou, entre outros aspectos no termalismo e as potencialidades desta proposta. Durante a súa intervención, Xosé Merelles Remy salientou tamén a profesionalidade de todo o sector que é valorada por quen visita Galicia e lembrou que precisamente o Centro Superior de Hostalería de Galicia está formando futuros xestores do sector hoteleiro e puxo de manifesto a aposta da Xunta por apoiar o sector nos últimos anos a través de diferentes vías de colaboración para a súa formación, a mellora das infraestruturas, entre outras.
Salientou tamén o bo comportamento nos dous primeiros meses do ano da provincia de Ourense, que experimentou un notable crecemento en volume de visitas. Segundo os datos de aloxamento hoteleiro do INE, en xaneiro e febreiro de 2025 a provincia acolleu a 41.659 visitantes, un 11,4% máis que no mesmo período de 2025, que realizaron un total de 75.414 pernoctacións (+24,9% respecto 2025).

Referíndose en concreto á oferta termal na comunidade galega, Xosé Merelles, destacou que esta modalidade, que forma parte da estratexia turística da Xunta de Galicia, aporta un importante compoñente desestacionalizador, ao favorecer as viaxes en datas de tempada baixa ou media. Ademais, os espazos termais están situados en distintas localidades, máis aló dos grandes núcleos turísticos, o que favorece a diversificación xeográfica da oferta.
Ademais, segundo apuntou, o turismo de benestar compleméntase con outras modalidades, como o enogastroturismo, o turismo de natureza ou activo ou o cultural, o que permite ofrecer unha proposta completa, de maior valor engadido.
Tamén no ámbito do termalismo, Xosé Merelles realizou pola tarde unha visita ás instalacións do Campus Auga da Facultade de Ciencias, no Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Durante a cita, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, puido conversar co estudantado do Curso de Experto en Auga, Termalismo e Saúde, a primeira promoción deste título universitario específico sobre o sector.
Xosé Merelles salientou a aposta de Turismo de Galicia “pola innovación, pola saúde e pola formación”, a través dunha formación que “contribúe a xeración dun novo ecosistema en torno ás areas mineromedicinais e termais”. “Este curso contribúe ao posicionamento do Campus Auga da Universidade de Vigo como un referente en investigación, educación e desenvolvemento dos recursos mineromedicinais e termais de Galicia”, afondou.
Potencia termal
Galicia é a primeira potencia termal de España, con máis de 20 balnearios, o 20% da oferta do país. É tamén o segundo destino europeo con maiores reservas de augas mineromedicinais, con sete dos oito tipos de augas mineromedicinais que existen. A nivel de turismo, é un recurso estratéxico: segundo a Enquisa de Turismo de Residentes 2024, centrada en turismo nacional, o 1,5% do total de visitantes que viñeron a Galicia fixérono por motivos de turismo termal ou de benestar.
Para contribuír ao seu reforzo, desde Turismo de Galicia estanse a promover distintas iniciativas, como o Plan de Turismo Termal 2028, dotado cun orzamento de máis de 10M€, ou o Plan Territorial de Sostibilidade Turística de Vilas Termais e Cascos Históricos de Galicia, que conta cun investimento de 23,23M€. A Xunta conta desde 2023 cun órgano específico para o traballo nesta modalidade turística, a Área de Turismo Termal.




