“A Arribada ten que ser un reclamo internacional para promover Baiona”

Carlos Gómez Prado | Alcalde de Baiona

A Festa da Arribada volve con forza este 2022 trala súa suspensión o ano pasado motivada polos protocolos COVID. Dende o Concello de Baiona, o seu alcalde Carlos Gómez Prado (PSdeG/PSOE) falou das expectativas en torno a esta Festa de Interese Turístico Internacional, así como das iniciativas futuras que permitan unha maior visibilidade da mesma no contexto internacional.

Festa da Arribada 2022. Trala suspensión en 2021 pola pandemia, que expectativas ten o Concello de Baiona ante o retorno desta festa histórica tradicional?
As expectativas son boas. Puxemos moita ilusión para poder levar a cabo a Arribada 2022 trala suspensión do ano pasado, sobre todo pensando no tecido empresarial, porque Baiona é un Concello economicamente vinculado ao sector de servizos, e tamén no tecido asociativo, tomando en conta que todas as súas actividades víronse mermadas nestes dous anos.

Despois da experiencia que tivemos co Entroido este fin de semana (19-20 de febreiro) que foi un auténtico éxito de afluencia de público coa participación de once comparsas, agora para a Arribada dependemos das condicións climáticas porque agardamos que tamén sexa un éxito. Quero destacar o comportamento cívico dos asistentes ao Entroido á hora de respectar os protocolos sanitarios, a distancia de seguridade, o cal nos permite estar relativamente tranquilos de cara á Arribada.

“Este ano imos presentar a Mascota Oficial como símbolo do noso Concello”

Que cambios están previstos dentro do programa nesta edición 2022?
Imos presentar a Mascota Oficial do Concello, unha iniciativa da Concellería de Cultura consensuado conmigo. O obxecto é que a mocidade identifique a esta Mascota como o símbolo do noso Concello. Imos tamén incorporar un poboado e principalmente garantir a seguridade para este evento, coa coordinación da Garda Civil, Policía Local e unha empresa de seguridade contratada.

No programa 2022 temos entendido que tampouco se utilizarán os animais.
Non. Haberá cetrería pero non exposición de páxaros senón espectáculo na praia da Ribeira e a obra de teatro que se fai todos os anos. A artesanía sacarase do casco vello e irá á rúa Carabela Pinta e Marqués de Quintanar, tamén co obxectivo de favorecer ao sector hostaleiro, moi estigmatizado pola pandemia. Tamén incorporaremos espazos disuasorios para que a xente vaia a consumir neses espazos. No casco vello teremos o Xardín do Museo da Navegación e faremos tamén actividades nas prazas de Pedro de Castro e Pai Fernando, na rúa Lorenzo de la Carrera e na Praza de Santa Liberata, onde incorporaremos un par de carpas por se non hai bo tempo.

A Arribada é considerada como Festa de Interese Turístico Internacional. Isto pode implicar perspectivas de internacionalización desta festa, especialmente de cara ao mundo iberoamericano?
Si, de feito no ano 2020 incorporamos o Foro Iberoamericano. Nós cremos que temos o dereito de reclamar que Baiona sexa o nexo de unión entre España e Latinoamérica. Este 2022 íamos facer este foro con Arxentina, pero non se poderá facer porque houbo un cambio no Consulado en Vigo aínda que sí que había predisposición. A Arribada ten que ser un reclamo internacional para nós. En pouco tempo haberá novidades non só co respecto á Arribada senón tamén con todo o que ten que ver cos pobos colombinos.

“Temos o dereito de reclamar que Baiona sexa o nexo de unión entre España e Latinoamérica”

Durante varios anos, coincidindo con esta Festa, realizábase en Baiona o Foro Iberoamericano, entón organizado polo IGADI. Se continuará entón con ese formato de palestra cara o mundo iberoamericano?
Este 2022 non pero sí para 2023.

Pero organizado co IGADI?
Non. Nós buscamos transversalidade con este evento. O que buscamos tamén non é só un intercambio cultural senón tamén socioeconómico. O Foro ten que ter ese carácter de transversalidade coa Arribada como ponto de encontro dos dous mundos, así como no asunto dos irmandamentos. Pensamos que Baiona ten que ser o protagonista.

Falabas da Mascota como símbolo do Concello. En perspectiva, pode considerarse á Arribada como o “sinal de identidade” de Baiona?
Eu creo que unha Festa de Interese Turístico Internacional ten que ser un escaparate. A Arribada ten que servir para ir dando pasiños para promover a Baiona a nivel internacional. Nese sentido, temos moito traballo por facer pero tamén temos que ser intelixentes e saber que, neste caso, os irmandamentos ten que servir para algo máis do que ten sido historicamente con Baiona, Palos de la Frontera e Santa Fé. Temos que ver a mediano e longo prazo con obxectivos mais ambiciosos porque a Arribada é un fito histórico inigualable na historia da humanidade. Estamos tamén irmandados con Rafael Freire en Holguín (Cuba) e imos pechar o círculo a nivel español con San Sebastián de La Gomera, que foi o último porto onde avituallaron as Carabelas antes de partir cara América.

“A Arribada ten que servir para ir dando pasiños para promover a Baiona a nivel internacional”

Tamén está o momento político. Acaba de entrar na xunta directiva de David Regades no PSdeG-PSOE de Pontevedra, como responsable da área de Transición ecolóxica. Qué expectativas existen ante esta nova etapa co horizonte electoral municipal 2023?
Mais que abrirse unha nova etapa, o que hai é unha continuidade do que se iniciou fai catro anos. Temos 21 alcaldías nestes momentos, con resultados históricos e por tanto temos que darlle continuidade a este proxecto pero adaptándoo ás novas circunstancias. E iso permítenos ver as eleccións municipais de 2023 con optimismo.

Sabemos que a política española vive un momento convulso pero tamén de cambios. Xa non se fala de maiorías senón de democracia, de constitucionalismo. É un momento difícil e complexo pero tamén apaixoante. Temos en Madrid un goberno responsable con Pedro Sánchez, que está á altura das circunstancias e estase demostrando que o PSOE aposta pola democracia, por falar, dialogar e chegar a acordos. Pero tamén como sociedade temos que reflexionar en qué situacion está España pero tamén o mundo e pensar que o futuro ten que ser sempre ilusionante.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.