A área fluvial da Freixa-San Roque en Ponteareas será un espazo natural e de ocio

O Concello traballa nun plan integral

Ponteareas | O Concello puxo en marcha un proceso participativo para que veciñanza, persoas usuarias, clubs, asociacións deportivas e sector turístico acheguen a súa opinión
Ponteareas quere converter a área fluvial da Freixa-San Roque, no río Tea, nun excepcional espazo público, natural e de ocio.

O Concello traballa na elaboración dun plan integral para que este amplísimo espazo acade os niveis de calidade e excelencia á altura das mellores áreas destas características existentes no país ou no norte de Portugal.

Para o goberno do BNG-PSOE existe dende sempre a necesidade de valorizar este espazo, integralo e conectalo de xeito atractivo coa zona urbana e protexer os seus valores ambientais e patrimoniais. “Agora chegou o momento de facelo con rigor, estudo, planificación e con proxectos ambiciosos que convertan este lugar de enorme potencial na área fluvial de referencia no sur de Galicia”, salientou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

A rexedora lembrou que a área da Freixa-San Roque é un espazo de altísimo valor ambiental, cun interesante patrimonio cultural e arquitectónico, con enormes posibilidades para o lecer, o xogo, o deporte, o turismo ou a educación ambiental, “pero onde hai moito por facer. Do que se trata agora é de definir con claridade como queremos que sexa nun futuro moi próximo a área da Freixa-San Roque e traballar a reo para facelo realidade nos vindeiros anos cunha boa xestión dos recursos económicos, especialmente os da Unión Europea, que Ponteareas ven aproveitando con éxito nos últimos anos”, engadiu Cristina Fernández.

A alcaldesa lembrou ademais a aposta do Concello pola descontaminación do río Tea coa próxima ampliación da Estación Depuradora da Moscadeira. Para decidir como será ese espazo de futuro, o Concello quere contar coa opinión da veciñanza, das persoas usuarias e do sector turístico. Para iso púxose en marcha unha enquisa en liña a través da que toda a poboación poderá achegar as súas ideas e suxestións.

Este proceso participativo arrancou xa coa presentación a diferentes colectivos sociais, clubs e asociacións deportivas das liñas xerais do proxecto, que suporá “un antes e un despois neste entorno natural, cunha acción que estará presidida pola protección dos valores ambientais e patrimoniais, a mellora e creación de novos espazos de ocio e deporte, a conexión atractiva e segura co centro urbano e a potenciación económica mediante a recuperación do cámping ou a mellora da praia fluvial”, destaca a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil.

Entre outras accións a levar a cabo, Ponteareas preparará a súa candidatura para acadar un Plan de Sostibilidade Turística en Destino, unha ferramenta do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo coa que se busca impulsar a transformación dos destinos turísticos cara a sostibilidade.

Este plan, do que se poderá beneficiar o espazo da Freixa-San Roque estará centrado na recuperación de espazos, na mellora da oferta de aloxamento e restauración, na gastronomía con produto local e na xestión do espazo e permitirá optar aos fondos europeos Next Generation para a financiación do proxecto.