A semana pasada desenvolvíamos nestas páxinas de El Corrreo Gallego a necesidade dun outro modelo aeroportuario galego, alicerzado na transferencia da competencia á Xunta e na xestión consorciada desta cos concellos da Coruña, Compostela e Vigo, axentes públicos de cadansúa área urbana e sociedade civil.
Hoxe cómpre atendermos unha infraestrutura fulcral para este País que non encaixa coa radialidade madrileña e, xa que logo, non é da prioridade desa España baseada no capitalismo do Bernabéu que partillan Vox, PP e amplos sectores do PSOE e doutras esquerdas estatais. Esta falla de priorización adóitase percibir en amplos sectores políticos, mediáticos e mesmo dos altos corpos (tamén técnico-facultativos) da Administración do Estado e cadros altos das principais empresas do lobby construtor-concesional. Porque é unha infraestrutura que non lles encaixa. Como no caso da AP-9, que só lles encaixa dende unha lóxica extractiva (é dicir que a pague a cidadanía galega).
Velaí o caso da alta velocidade ferroviaria con Portugal. Os últimos gobernos de Lisboa, quer socialistas, quer do PSD-CDS poñen por diante da conexión Lisboa-Madrid a conexión Lisboa-Porto-Vigo-Compostela-A Coruña, comprometendo rematar os traballos até o Miño no horizonte do 2032. Mais o Goberno do Estado, o Goberno rexional de Ayuso e o sistema empresarial madrileño defenden a alta velocidade Lisboa-Madrid dentro dunha nova estratexia radial que tende a que Madrid sexa o nexo entre o Atlántico e o Mediterráneo.
Dirán vostedes “home, Xoán, de Madrid á fronteira portuguesa de Extremadura hai un lote de kms e da estación viguesa de Urzaiz ao Miño só hai 25 kms… Para 2032 ou 2034 estará feito”. Pois non lles é tan doado. Por unha banda esa saída sur de Urzaiz require un investimento aproximado de 600 M€ (ben xustificado e xerador multiplicativo de retorno) e por non haber non hai nin proxecto. Por outra banda os dous Estados han acordar a construción dunha ponte conxunta sobre o Miño. Se estes dous chanzos non avanzan por mor do desleixo español é evidente que Portugal porá en modo pausa o treito de Braga ao Miño.
“A alta velocidade ferroviaria con Portugal é esencial para integrar unha euro rexión Galicia-Norte de Portugal”
A alta velocidade ferroviaria con Portugal é esencial para integrar unha euro rexión Galicia-Norte de Portugal de máis de seis millóns de persoas (fronte esta realidade, cantos hai entre Lisboa e Madrid?). Multiplicaría as nosas posibilidades de desenvolvemento. Precisamos dela. E nesta andaina só contamos con nos mesmos e cos portugueses (sen prexuizo de certa tendencia lisboeta a ollar cara Madrid no canto de ollar cara Porto e o norte portugalego). Velaí que sexa preciso un grande pacto transversal galego-portuense-bracarense, da Gallaecia toda, no que partillen concellos, axentes locais, organizacións empresariais e sindicais e Universidades da euro rexión enteira, conscientes dos inimigos deste proxecto que existen, máis evidentes en Madrid e máis agachados en Lisboa.
Dende Ferrolterra-Ortegal até Sétubal o eixo atlántico galego-portugués constitúe unha das realidades económicas e poboacionais máis vizosas da península ibérica e da Europa atlántica toda. As posibilidades dun desenvolvemento económico sostíbel e autocentrado dependen moito desta infraestrutura esencial. Perder esta oportunidade sería afundírmonos máis na dependencia e na subordinación.