Dos callos aos pinchos en Salceda

Regresa a XVII Ruta do Pincho Folk

Salceda de Caselas | Tras a celebración da Festa dos Callos, este mes de setembro regresa a Salceda de Caselas a súa tradicional XVII Ruta do Pincho Folk, unha cita xa consolidada no calendario gastronómico e cultural municipal, organizada dende a Concellaría de Comercio que dirixe Selene González. Durante todos os venres e sábados do mes de setembro, un total de 16 establecementos de hostalería ofrecerán as súas mellores creacións culinarias a un prezo único de 2,50 €, en horario de 20.00 a 23.00 horas.

Os grupos de gaitas de Salceda serán os encargadas de amenizar a ruta, na que se poderán degustar propostas tan variadas como tostas de cecina, solombo, atún, tortiñas de cogomelos, pan coreano, brioche de carrilleiras, costela guisada, gyozas, miniburguer ou brochetas de polbo e gambas, entre outras opcións. Tamén haberá lugar para o doce, cun pincho especial de caprichos de vainilla. As persoas participantes poderán votar en cada establecemento polo mellor pincho, e o Concello entregará unha placa distintiva aos dous locais mellor valorados.

Ademais, probar os pinchos terá premio. As persoas que completen a ruta dos 16 establecementos recibirán un agasallo sorpresa por parte do Concello. Todas aquelas que participen emitindo o seu voto entrarán no sorteo dunha fin de semana de enoturismo na Ribeira Sacra para dúas persoas, un bono para dúas persoas no Palacio da Auga de Mondariz, un lote de viño e embutidos e vales de compra doados pola Asociación de Comerciantes de Salceda (ACISA).

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.