A artesanía e a enogastronomía darán brillo á Feira dos Remedios en Ponteareas

Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia abrirá as súas portas este 5 e 6 de setembro

Ponteareas | A conta atrás xa comezou. Este venres e sábado Ponteareas acollerá unha nova edición da Feira Tradicional dos Remedios, declarada “Festa de Interese Turístico de Galicia”, que cada mes de setembro transforma a vila nunha viaxe ao pasado para rememorar os mercados de principios do século XX.

As rúas e prazas encheranse de postos de oficios artesáns, produtos gastronómicos, artesanía, feira de gando, obradoiros e música tradicional, ademais de propostas de cata de viños e degustación de produtos locais.

No venres de apertura de festas os xigantes e cabezudos sairán do Concello ás 12:00 horas para saudar a cativos e maiores. A xornada da tarde comezará co concerto de Carlos Núñez no Castro de Troña, ás 19:00 horas, cun aforo de 700 persoas co apoioi da Deputación de Pontevedra.

O que é seguro é que a Feira comezará con moito humor e sorrisos grazas ao actor e humorista Marcos Pereiro, que exercerá de pregoeiro desde o balcón da Casa do Concello. Pereiro saltou á fama con personaxes con personaxes icónicos da cultura popular galega como son Nucha, de ‘Mucha e Nucha’ de ‘As cantareiras de Ardebullo’ no emblemático programa de ‘Luar’ da TVG, ou Kevin José de ‘Era visto!’, serie con máis de 600 episodios. Tamén ten unha ampla traxectoria como actor en televisión —participou en series como Terra de Miranda, Viradeira ou Rapa— así como en teatro (Fariña: o espectáculo). No cine participou en filmes como Encallados e Vilamor. Continuando co xa realizado na celebración do Corpus, este pregón tamén será interpretado en lingua de signos. Este ano o evento medra e superará os 75 postos de artesáns, que ocuparán a Praza Bugallal, a rúa Constitución, Vidales Romé e se prolongarán ata a rúa Ciclista Emilio Rodríguez, conectando coa tradicional Feira do Gando na Feira Vella, onde poderán verse vacas, bois, ovellas, porcos celtas ou cabalos e que contará cun espazo informativo sobre as feiras de antano e os coidados actuais dos animais.

Os postos enogastronómicos tamén terán un protagonismo especial con hamburguesas de porco celta de Tres Fuciños, empanadillas e doces, pulpeiros e adegas locais, entre outras delicias que permitirán saborear o mellor da gastronomía galega.

A apertura oficial da XVII Feira será o sábado a partir das 10:30 horas e, a partir dese intre, as rúas encheranse de música, actividades e moito ambiente. Os grupos participantes no XXXVIII Festival Folclórico tomarán as rúas co seu baile e música tradicional galega.

Os máis pequenos e pequenas poderán desfrutar durante toda a xornada de diferentes xogos tradicionais e atraccións ecolóxicas de madeira. Tamén haberá animacións teatrais e espectáculos de circo e de lume pensadas para todos os públicos, recreando o ambiente dunha feira tradicional galega de 1900.

Outra das novidades é a aposta por un xantar popular ao que os e as asistentes deben vir vestidos co estilo de principios dos anos XX para poder mergullarse de cheo na ambientación da feira e revivir a esencia daquela época. As veciñas e veciños que así o desexen poderán gozar a prezo popular dun xantar no que compartir música e lembranzas. Empanada galega, pan tradicional, embutidos, churrasco con patacas e ensalada será o menú festeiro. Todas as persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a departamentocultura@ponteareas.gal ou por WhatsApp no teléfono 618 705 639.

Ademais, grazas á iniciativa ‘Experiencias de Calidade’ da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural da Xunta, o sábado 6 de setembro, os veciños/as e visitantes poderán desfrutar de diferentes catas- degustacións de forma gratuíta. Para participar só terán que inscribirse nos postos de AGACAL.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.