Santiago de Compostela | O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, deu a benvida aos 690 auxiliares de conversa procedentes de 19 países que prestan este curso apoio á aprendizaxe de linguas estranxeiras no ensino galego. Fano nun total de 791 centros educativos distribuídos ao longo e ancho da nosa xeografía, en 238 concellos.
O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, destacou que Galicia “acada este ano un novo récord histórico de auxiliares, multiplicando por máis de 10 os 67 que había no ano 2009, no marco da aposta do Goberno galego por dar ao alumnado igualdade de oportunidades á hora de formarse en idiomas, unha competencia fundamental no século XXI, a todos estes niveis”.
Neste sentido, destacou que o alumnado galego está á cabeza co mellor nivel de inglés de España segundo o ranking internacional EF EPI, o único baseado en avaliacións do idioma realizadas por 2,1 millóns de persoas de 111 países. “Coa Estratexia galega de linguas estranxeiras, Edulingüe 2030, a Xunta pon en marcha iniciativas coma esta ou a rede de centros plurilingües, con 522 centros este curso, para seguir mellorando estes resultados”, salientou o conselleiro.
Respecto por outras culturas
Román Rodríguez animou os auxiliares e aproveitar estes meses para coñecer tamén a nosa cultura e puxo en valor a oportunidade que este programa supón para que os alumnos coñezan tamén a dos 19 países de procedencia dos auxiliares. “Iniciades hoxe un camiño que vai máis aló do formativo, unha experiencia de irmandade entre culturas e pobos que vai ser moi enriquecedora para todas as partes”, afirmou. De feito, lembrou que o informe PISA sitúa o alumnado galego en cabeza en respecto e tolerancia por outras culturas, xunto a Canarias.
A este respecto, o conselleiro lembrou que, tras máis de 15 anos de funcionamento, o programa rexistra un alto grao de satisfacción. Non en balde, case o 99% das persoas coordinadoras dos centros participantes consideran moi positivo este apoio e o 50% das persoas auxiliares de conversa solicitan renovar un curso máis en Galicia.
Ata cinco linguas diferentes
Os auxiliares de conversa apoian a aprendizaxe de idiomas maioritariamente en centros plurilingües, escolas oficiais de idiomas e centros educativos con seccións bilingües. Reciben unha axuda económica e participan en actividades de apoio á docencia da lingua estranxeira no centro de destino, sempre supervisados por unha persoa profesora titora-coordinadora. Estas persoas, de 19 nacionalidades diferentes, prestan apoio ao ensino de ata cinco linguas diferentes: inglesa, francesa, portuguesa, alemá e chinesa.
O Goberno galego financia a estadía destas persoas en Galicia, ademais de asignalas aos diferentes centros. En concreto, a iniciativa supón un investimento de aproximadamente 5,2M€, dos que a Xunta achega 4,8M€ e o resto é cofinanciado polas administracións e entidades colaboradoras, como o Ministerio de Educación, a Comisión Fulbright, a Oficina do Consello Internacional da Lingua Chinesa–Hanban ou o Instituto Camões.
No dossier adxunto poden consultarse os datos sobre nacionalidade e número de centros con apoio de auxiliares por concello, así como a evolución deste programa ao longo dos últimos cursos.