56ª Festa do Meixón en Tui

A partir deste 23 de marzo con seis restaurantes participantes

Tui | Tradición e innovación mestúranse na Festa do Meixón que mañá comeza en Tui e que se vai desenvolver en seis restaurantes  Casa Pote, El Molino, Emma Tapas&Brunch, La de Manu, O Novo Cabalo Furado e o Parador de Tui.

A Festa foi presentada este mediodía no Paseo Fluvial polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Comercio e Turismo, Ana Núñez, e unha representación dos viveiros, os restauradores e a adega Sergio Álvarez. Este evento gastronómico celebra neste 2024 a súa 56ª edición.

A Festa do Meixón comezou a celebrarse en Tui en 1968, nun momento de gran dinamismo na cidade, e no que coincidiron o remate das obras da Catedral e a inauguración do Parador de Turismo. Tanto o alcalde, Enrique Cabaleiro, coma a concelleira de Comercio e Turismo, Ana Núñez, coincidiron en sinalar coma na actualidade Tui vive tamén unha época de gran dinamismo coma testemuñan os datos turísticos de 2023, “os mellores da historia” segundo a concelleira, e nun momento no que o turismo “está medrando de xeito responsable, con calidade, de forma exponencial, en variedade e en desestacionalización”, explicaba Ana Núñez. Mentres Enrique Cabaleiro avanzaba a próxima sinatura do convenio do Plan de Dinamización Turística que suporá un investimento de 2 millóns de euros no conxunto histórico.

Reclamou o rexedor tudense que o río Miño siga sendo fonde de riqueza natural e de dinamización económica, polo que facía un chamamento a que tanto o Ministerio de Medio Ambiente coma a Consellería de Medio Ambiente invistan neste medio natural os recursos precisos para facer fronte a ameaza do cambio climático, dos aproveitamentos hidroeléctricos, e a contaminación e especies invasoras que poñen en risco a especies autóctonas coa repercusión que iso ten.

A concelleira de Comercio e Turismo explicou coma no cartel deste ano recupérase a esencia dos realizados en 1973 e 74, tanto no que ao grafismo se refire coma a imaxe da peza de cerámica dun gato que naquela ocasión se agasallaba aos comensais e que era realizada pola fábrica tudense Arcemi, Artesanía Cerámica do Miño, cuxo propietario José Joaquín García Rodríguez ‘Pepín Pernas’, asistiu esta mañá á presentación. Falaba tamén de futuro afirmando que “con intelixencia é posible crear e innovar novas formas de gastronomía sen renunciar á nosa esencia”.

Así sinalaba “imos traballar de cara a 2025, comprometéndonos coa hostalería local a impulsar, innovar, e potenciar a nosa hostalería local”. Agradeceu aos seis restaurantes participantes o seu compromiso coa cidade xa que “serán os verdadeiros embaixadores da gastronomía local”.

Rubén Estévez de Delicias del Miño que subministrará o meixón xunto a Angulas Benítez, explicou que o produto será do río Miño cunha calidade excelente, e apuntaba que este ano na metade de días de pesca, capturouse o dobre que o ano pasado. En representación dos restaurantes participantes tomou a palabra Pablo Crisóstomo, de El Molino, que indicou que “o meixón ten gran demanda, incluso ao prezo actual, que conta cun público moi fiel, que cada ano vén a Tui para degustalo”. Engadía que este é “un produto moi valioso para nós, e que tanto nos identifica co río e coa nosa cultura”.

Dende mañá e até o 8 de abril, poderá desgustarse a tapa de meixón, a un prezo de 85€ nos restaurantes  Casa Pote, El Molino, Emma Tapas&Brunch, La de Manu, O Novo Cabalo Furado e o Parador de Tui, previa reserva. Os 200 primeiros comensais recibirán coma agasallo un garfo de madeira conmemorativo de Artesanía de Galicia tallado en madeira de amieiro pola empresa Silveira.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.