50 anos de liberdade.

Di o refrán que se tes algo bo nas mans non intentes melloralo porque podes estragalo.

Isto é o que me pasa a min nestes momentos en referencia aos 50 últimos anos de liberdade. Teño nas mans un traballo resume sobre o tema do que vou extraer unha cantas ideas moito mellor expresadas a como eu podería ofrecerlles. Vamos que vou dedicarme a copiar o que non podo mellorar para que vdes. poidan disfrutar desta información mellor ordenada a como eu llela podería presentar. Imos lá, que dirían nos amigos do Val Miñor.

Para saber exactamente como nos cambiou a vida nos últimos anos o mellor é botar unha ollada a como estábamos hai 50 anos atrás e como estamos hoxe. Daquela España, e por extensión Galicia, era un País pobre, inculto e atrasado. Secuestrado por unha ditadura que non acababa de morrer. Franco finou no 75 e aínda tivemos que soportar varios anos para que as cousas comezaran a endereitarse.

Na dereita instalouse unha idea de España enfrontada a medio País, á que se volve chamar “antiespaña”. Na esquerda, esa España excluínte provocou unha reacción, un complexo, unha desilusión. O modelo autonómico foi parte do éxito ao mesmo tempo que provocou unha resposta furibunda dos que confunden federalismo con debilidade nacional. Eses que tanto din querer a España, de apretala tan fortemente un día van escarallala.

“Na dereita instalouse unha idea de España enfrontada a medio País, á que se volve chamar ‘antiespaña”

Deixamos atrás un longo e accidentado camiño: sete presidentes do goberno pasaron pola Moncloa. Dende Adolfo Suárez a Pedro Sánchez: reconversión industrial, entrada na OTAN, cambio de moeda, folgas xerais, crecemento económico, novos partidos chegando ao ámbito político, o fin de ETA e a abdicación do rei Xoán Carlos.

Todos lembramos aquela noite do 28 de outubro do 1982 na que Felipe González e Alfonso Guerra saen ao balcón abraiados polos 10 millóns de votos e dun 48% do total. Felipe confesaría tempo despois que aquel día sentírase asustado polo que lle viña enriba. O slogan mais repetido de Felipe era “que España funcione”. Xa daquela Fraga, que confesaba sentirse atlantista, aconsellaba a abstención á OTAN. A súa intención era que unha derrota trouxera a dimisión de Felipe González. Gañou o si por un axustado 56%.

A fuxida de Luís Roldán e a condena de Mariano Rubio funden a imaxe do goberno de Felipe González e os populares con Aznar a cabeza superan aos socialistas en 290.000 votos. Na noite electoral Felipe exclamaba: “Nunca unha derrota fora tan doce e unha vitoria tan amarga. Pero por moi doce que fora, era unha auténtica derrota.

O PP tómase as cousas con calma e o seu buque insignia son as privatizacións das principais empresas do INI: Telefónica, Tabacalera, Endesa e Repsol. Algunhas delas van parar as mans dos amigos de Aznar. España entra no euro. Aznar parece ter colmadas as súas aspiracións pero o naufraxio do Prestige e a catástrofe ecolóxica desnudan a un goberno que pensaba nada o ía tumbar.

Aznar séntese endiosado e mete a España na invasión de Iraq. En 2004, con Rajoy de candidato, o PP séntese vencedor pero o 11M cambia todo o panorama. España sofre o maior ataque terrorista da súa historia tres días antes das eleccións.

José Luís Rodríguez Zapatero entra na Moncloa sen ningunha experiencia de goberno. De entrada saca as tropas de Iraq. Fixo todo o que Felipe González non quixo ou non puido facer.

O PP enfrontase a Zapatero dunha maneira furibunda polas lei de memoria histórica; era unha maneira de abrir feridas, din os populares. Nestes momentos aínda seguen co mesmo discurso. Pero a oposición ao goberno socialista faise mais forte cando Zapatero decide negociar con ETA, aínda que tempo atrás Aznar o intentara chamándolles Movemento de Liberación do País Vasco.

A burbulla inmobiliaria e a crise da débeda funden o goberno de Zapatero que perde o 38% dos votos. Mariano Rajoy recibe o Poder sen ter feito practicamente nada. O desemprego seguirá subindo ata o 26% no primeiro trimestre de 2013 e a débeda ao 100%.

O sistema autonómico era un dos logros desta nova España que saíu da Constitución do 1978. Todo descarrila cando o PP decide mandar tropas para parar o “procés”. O Goberno do PP e os independentistas cataláns son dous trens á deriva condenados a un choque frontal en 2017. Rajoy decide mandar os antidisturbios para impedir un referéndum en Cataluña e o que consegue é que as cargas dos antidisturbios saian nas televisións de toda Europa. Puigdemont declara a independencia que dura oito segundos, ofrece unhas negociacións imposibles e foxe a Bélgica; outros como Oriol Junqueras quedanse para afrontar as consecuencias dos seus actos. O xuízo do procés no Tribunal Supremo non é suficiente para pechar esta historia. A partires dese momento, Cataluña condiciona totalmente a política española ata estes momentos.

As eleccións de 2015 abren un novo capiíulo da democracia española: desaparece o bipartidismo, o consenso do 78 xa é historia. As mobilizacións do 15M xa deran antes un toque de atención; a España real xa advertira á España oficial que xa non ha representaba en moitos asuntos. Nos comicios dous novos partidos, Podemos e Ciudadanos, reciben oito millóns e medio de votos e 109 escaños. Rajoy falou dunha moda e non estaba máis errado.

Igual que lle pasara a Felipe González a corrupción remata por darlle un golpe definitivo ao PP. Antes de chegar ao poder Rajoy intentou presentar ao seu partido como unha vítima, como fixera Felipe en 1995. “Esto no es una trama del PP sino una trama contra el PP”, dicía Rajoy.

A moción de censura leva a Sánchez ao Poder. Solo vinte meses antes a carreira de Sánchez parecía morta e enterrada cando se viu obrigado a presentar a dimisión como líder do PSOE. Sánchez é dos poucos políticos que se reinventan a si mesmos en función da situación. Intenta unha maioría con Ciudadanos e fracasa. Mais tarde asume que so pode formar goberno con Podemos. A España que lle toca gobernar é moi diferente a dos anos oitenta. O pragmatismo dos tempos de González perde sentido. A partires de 2020 o Goberno navega a través das circunstancias excepcionais, como a pandemia ou os efectos económicos da invasión de Ucrania.

A extrema dereita deixa de ser a excepción europea. O seu maior capital é o rexeitamento da inmigración. Convértese na terceira forza política do País e socio indispensable para o PP se quere chegar ao Poder. O PP lánzase a unha ofensiva furiosa contra o Goberno socialista. Tamén o fixera contra Felipe González e Zapatero pero nesta ocasión declara que Pedro Sánchez é unha ameaza real para a democracia. A sociedade non acada ese nivel de crispación e a economía recupérase logo da pandemia e reduce o desemprego ao nivel máis baixo dende o 2007.

“A extrema dereita deixa de ser a excepción europea (…)  Convértese na terceira forza política do País e socio indispensable para o PP se quere chegar ao Poder”

En próximos editoriais daremos remate á situación político-económica de España nestes últimos 50 anos.

Que os Reis Magos se teñan acordado de vdes.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.