25 de abril sempre.

O capitalismo é morte, guerra, destrución e explotación. A vida é outra cousa. Defendermos a vida é construírmos un mundo novo e loitarmos por el. Un mundo mellor para tod@s e non só para uns pouc@s privilexiad@s. Estou convencido de non imos ser derrotad@s; podemos ter baixas pero a vida e a esperanza sempre se acaban abrindo camiño. Ao meu modo de ver, a dúbida está en se acadamos a vitoria ou se facemos táboas cos defensores da vella orde. Para moita xente, a que o está pasando mal, o tempo é moi importante; porén somos minoría e cada pequena acción nosa ten enfronte outra acción que intenta debilitala ou anulala; e con frecuencia as reaccións son desmesuradas, totalmente impropias dunha democracia. @s que viven ben con frecuencia queren seguir vivindo ben e manter os seus privilexios, ás veces a costa do que sexa e de quen sexa. A falta de escrúpulos de tanta xente é algo que indigna e estremece. Porén a nosa forza está na resistencia máis que no ataque, xa chegará o momento de facermos xustiza. Desfogar a raiba e a indignación está ben, no entanto o odio nunca é un bo compañeiro: cometes erros e vólvense en contra túa. Galiza ten as pensións máis baixas do Estado, a pobreza e o abandono do rural son alarmantes; saquéannos fiscalmente, coas peaxes e cos proxectos mineiros destrutivos. A mocidade ten que emigrar porque aquí non encontra traballo. Recortan en sanidade e en educación, deterioran cada vez máis o bosque autóctono coa extensión dos eucaliptos e cunha ruinosa política forestal. O noso idioma é atacado e marxinado e a nosa cultura é unha camelia que florece nun perpetuo inverno. Languidecemos como pobo e como país. Non vos deixedes comprar e estabrecede compromisos coa sociedade e con Galiza, pese a quen lle pese. E, como dicía unha das nais da Praza de Maio en Arxentina, resistir é combater. E acredito no BNG porque o BNG para min é o mellor motor de Galiza.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.