25 anos de Protección Civil en Salceda

Na xornada conmemorativa asistiu representación de 12 agrupacións de Protección Civil da provincia

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas acolleu esta fin de semana unha nova xornada provincial das Agrupacións de Persoas Voluntarias de Protección Civil, que serviu ademais para conmemorar os 25 anos da fundación da Agrupación de Salceda.

A xornada comezou ás 9.30 coa recepción ás diferentes agrupacións, que se trasladaron ata Pazo Pegullal para gozar dunha visita guiada aos seus espectaculares xardíns que se completou con unha degustación dos produtos propios do Pazo. Ao regreso, xa na Praza do Concello, desenvolveuse a exposición de medios das diferentes agrupacións de Protección Civil, na que se contou con diferentes tipos de vehículos de emerxencias tanto terrestres como acuáticos, hospital de campaña, tendas, e diferentes utensilios de emerxencias que as diferentes agrupacións aportaron para a mostra.
Ás 12 do mediodía celebrouse o acto central no Auditorio Municipal, no que se conmemoraron os 25 anos da Agrupación de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil de Salceda de Caselas. O acto contou con numerosas autoridades, entre as que se atopaban Benito Castro, Presidente da Agrupación de Protección Civil de Salceda, Manuel Vicente, Vicepresidente da asociación provincial de agrupacións de protección civil, Santiago Villanueva, Director Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, e Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda.
No acto houbo momento para a lembranza das persoas xa falecidas que formaron parte da agrupación, pero tamén para o recoñecemento de quenes formaron parte en diferentes momentos destes 25 anos, así como ás persoas que conforman actualmente o equipo. Todas elas recibiron un agasallo e un diploma conmemorativos do aniversario.
A Alcaldesa, Loli Castiñeira, agradeceu especialmente o traballo feito cada día, recoñecendo que en moitas ocasións non sería posible levar a cabo diferentes iniciativas sen a súa axuda, pois estades “nos momentos bos, nas nosas festas, nos nosos eventos, pero tamén nos momentos malos que nos toca vivir, nos incendios, nos accidentes, ou en calquera emerxencia que se produza no noso Concello, e á que sempre sodes os primeiros en chegar”.
Benito Castro, actual presidente de Protección Civil en Salceda, quixo agradecer especialmente o traballo das persoas que ao longo destes 25 anos formaron parte da agrupación, destacando que “fostes os pioneiros, botastes a camiñar esta andaina das emerxencias e soubestes manter ese espírito que outros collemos para seguir camiñando na mesma senda. Hoxe tócame estar a min aquí, pero non sería posible sen o traballo de tódalas persoas que me precedestes”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.