200 maiores volven á terriña grazas a “Reencontros con Galicia”

Procedentes de Venezuela, Cuba, Brasil, México, Bolivia, Arxentina e Uruguai

Santiago de Compostela | O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, recibiu hoxe na Praza da Quintana as persoas participantes na última edición do programa impulsado pola Xunta Reencontros con Galicia, chegadas a semana pasada desde Venezuela, Cuba, O Brasil, México, Bolivia, A Arxentina e O Uruguai.

Alí, destacou que esta iniciativa ten como finalidade facilitar o contacto dos residentes do exterior maiores de 65 anos coa Galicia actual e coas súas familias e consolidar os lazos firmes que nos ligan coa comunidade galega da diáspora, que el mesmo puido comprobar na súa recente viaxe á Arxentina.

O conselleiro destacou os máis de 35 anos de traxectoria que acumula este programa, que se desenvolve en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade. En cada edición, ofrece a preto de 200 galegos residentes no exterior —cunha idade media neste caso de 79 anos¬—, a posibilidade de gozar de actividades de lecer e visitas culturais durante a súa estadía, que se prolongará deica mañá agás para as persoas que decidan quedar máis tempo coas súas respectivas familias.

Así, o grupo percorreu diferentes localidades e cidades galegas para reconectar co patrimonio cultural e natural da nosa Comunidade e coas paisaxes e cidades. Está aloxado nas residencias de tempo libre da Xunta de Galicia en Panxón (Nigrán) e O Carballiño, espazo que lles permite seguir compartindo vivencias durante esta experiencia.

González salientou casos especialmente emotivos nesta edición do programa como o dun galego de 100 anos residente en Cuba, que emigrara desde Narón con 25 anos e que agora regresa á súa terra natal. Coma el, sinalou que son moitos os que había décadas que non voltaban, polo que este reencontro resulta máis especial tanto para eles como para as súas familias.

O conselleiro aproveitou o encontro para celebrar que as persoas participantes no programa puidesen ver de primeira man a Galicia próspera e moderna na que vivimos hoxe en día, ao tempo que lles agradeceu o seu papel como embaixadores da galeguidade, transmitindo o noso legado ás novas xeracións para manter vivo o vínculo coa súa terra.

Nese senso, fixo fincapé en que o Goberno galego —e a través da Secretaría Xeral da Emigración— ten como prioridade promover a participación da colectividade galega no exterior na vida cultural e social de Galicia, mantendo os vencellos coa súa terra de orixe. Ao tempo, recibe cos brazos abertos a toda aquela persoa que quere regresar para sumar o seu talento e as súas capacidades ao noso mercado laboral, a través da Estratexia Galicia Retorna.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.