Cantou Gardel en Volver que 20 anos non son nada, mais tamén cantou na mesma peza que «…el viajero que huye tarde o temprano detiene su andar…». Van xa 20 anos dende que PSdeG e BNG venceron ao PPdeG ao quitaren máis deputados ca eles (25 socialistas e 13 do BNG fronte aos 37 fraguistas), acadando toda a legalidade e a lexitimidade para abrir as fiestras de San Caetano e pasar páxina despois de 15 anos e medio de maiorías absolutas do vilalbés.
O goberno de coalición que entrou no 2005 soubo xerar adhesións e tamén ilusións, malia que sen dúbida cometeu erros. O PSdeG saiu do proceso electoral convencido de que o presidente Touriño (probábelmente o único líder global do PSdeG dende 1990) sucedería a Fraga longos anos sen esforzo ningún. No desenvolvemento dese proceso os socialistas adoito esqueceron que existía un único goberno, cun único presidente, mais con dúas organizacións e culturas políticas e dous referentes, o presidente Touriño e o vicepresidente Quintana.
“O goberno de coalición que entrou no 2005 soubo xerar adhesións e tamén ilusións, malia que sen dúbida cometeu erros”
Porén, a axenda lexislativa e de xestión transformadora desenvolvida polo goberno de coalición é cada vez máis notábel dende a distancia. Só a xeito de exemplo : I) a gratuidade dos libros de texto e a extensión dos recursos e apoios educativos, II) a incorporación dos “chiringuitos” sanitarios xestores dos hospitais comarcais ao SERGAS e a extensión da calidade sanitaria na hospitalaria e na saúde públicas da Lei de Saúde de Galicia de 2008, III) a creación dun sistema galego de benestar, que creou 1.550 prazas de residencias públicas en 3 anos e medio (0 nos 13 anos de Feijóo) e consorciou os recursos galegos e locais para extender unha mesta rede de centros de díaa onde só había un ermo, ademais de aprobaren a mesma lei galega de servizos sociais vixente arestora, malia que recortada IV) a xeneralización dunha rede de escolas infantís públicas-galescolas-, V) o deseño e adxudicación dun concurso público eólico que quería vencellar ao desenvolvemento endóxeno do territorio o recurso público do vento que só á cidadanía galega lle pertencía, VI) a creación dunha empresa pública galega de servizos agrarios e forestais (SEAGA), do Banco de Terras e das unidades de xestión forestal para o ordenamento forestal, VII) a lei de comercio interior de 2007 que tentaba afortalar o comercio de proximidade fronte ás grandes superficies. VIII) unhas potentes políticas de construción de vivendas protexidas e de calidade de vivenda, IX) a posta en valor da nosa lingua, cultura, deporte e patrimonio cultural, encetando o camiño para a recuperación do Pazo de Meirás e X) unha política transversal de igualdade que atinxiu moitas das áreas de actuación da Administración galega.
Ao goberno de coalición faltoulle tempo e abondáronlle tanto inimigos como graves defectos de comprensión a respecto da realidade na que operaba. Nomeadamente no caso do BNG, cunha parroquia moito máis esixente, faltou quizais pedagoxía a respecto da necesidade de sumar novos aliados e novas alianzas fronte aos poderes tradicionais de Galicia que, por contra dunha parte minoritaria das súas bases, si viron no BNG un grave risco a respecto dun país que acreditaban rexión e da súa propiedade, como ten contado Anxo Quintana.
Núñez Feijóo desenvolveu no 2009 unha campaña moi agresiva e chea de mensaxes e acusacións nunca verificados cando non abertamente falsos. A primeira que sinalou e marcou todas as seguintes que temos visto e sufrido. En realidade a aperta con Galán, presidente de Iberdrola, no acto da súa promesa como Presidente, o 18 de abril de 2009 reflicte o que sería a súa política en diante: subordinar os intereses de Galicia aos dos grupos de poder, maioritariamente alleos a Galicia, que quixeron rachar o binomio autogoberno-benestar do Goberno BNG-PSdeG.