“20 anos de agroglamour” para conmemorar a XX edición do Festival de Cans

Cunha intensa programación de curtas, música e coloquios

O Porriño | “Este será un Festival de Cans de reencontros e de emocións”. Así explicou o seu director Alfonso Pato como se desenvolverá a programacion da XX edición dun evento que o conselleiro de Cultura e de Educación da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González, non dubidou en cualificar como o “festival total”.

Como ven sendo constume, o mítico Torreiro de Cans foi o escenario de presentación da programación que se realizará do 16 ao 20 de maio baixo o lema “20 anos de agroglamour”, tal e como exhibe o popular chimpín, o transporte dos participantes. Con dúas décadas consolidado como o certame por excelencia das curtametraxes e do audiovisual que tamén reivindica o rural galego, Pato deu algunhas claves sobre o futuro do Festival, en particular sobre a súa condición de director e impulsor: “non agardo estar moitos anos máis”.

No acto estiveron presentes os patrocinantes do Festival como José Luís Fernández, director de comunicación de GADIS, empresa que Pato eloxiu porque “debe ser premiado por ser o patrocinador máis fiel”; a actriz Isabel Blanco, delegada da Fundación AISGE, para quen o Festival “é un patrimonio emocional para Galicia”; o tamén actor Santi Prego, membro do xurado e premiado como mellor actor na edición 2022; Goretti Castro, de Estrela Galicia, que presentou unha edición limitada con motivo do 20º aniversario do Festival asegurando patrocinio “por catro anos máis”; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso; e finalizou o xa mencionado conselleiro Román Rodríguez González.

Pato e o comité organizador felicitáronse polo récord de contratación de persoal para este Festival, calculado en 200 persoas. Tamén anunciaron a presenza de puntos lila contra a violencia de xénero. Esta edición 2023 homenaxeará á actriz Nathalie Poza e o actor Luís Zahera.

Programación polo Día das Letras
Por primeira vez na súa historia o Festival de Cans contará cunha intensa programación da mañá ata a noite para celebrar o Dia das Letras, a gran festa anual da lingua galega. O mércores 17 de maio haberá cine en galego, coloquios, música tradicional e actividades como Novas Camadas ou o Día dos Veciños. Será unha gran xornada festiva e unha forma distinta de celebrar o Día das Letras.

A primeira hora da mañá arrancarán as actividades coa estrea do documental “Florencio, o cego dos Vilares”, dirixido polo músico Pancho Álvarez. O filme afonda na vida de considerado como último xograr galego, o músico cego Florencio dos Vilares, violinista, cantor e contador natural da Fonsagrada e tío avó do coñecido artista Xoel López. Morreu no ano 1986 pero deixou unha fonda pegada co seu xeito de interpretar a música tradicional, influíndo de xeito decisivo nas seguintes xeracións de violinistas.

Trala proxección do documental, terá lugar unha sesión vermú no Torreiro coa presenza das violinistas María Jorge, Aldara Souto, Begoña Rioboó e Antía Ameixeiras e do acordeonista Carlos Quintá, que acompañarán a Pancho Álvarez.

Ao mediodía, tamén no Torreiro, terá lugar un coloquio entre o director Alvaro Gago e a actriz María Vázquez, sobre o proceso de creación de “Matria”, unha das últimas grandes películas do cinema feito en lingua galega que está a obter un gran éxito de público e crítica despois da súa recente estrea, e o seu paso polo Festival de Berlín.

Gago é un director que obtivo en dúas ocasións o Premio do Xurado en Cans, unha delas coa súa curta “Matria”, que é a orixe da longametraxe. A actriz María Vázquez chega a Cans nun gran momento da súa carreira, despois de obter a Biznaga de Prata en Málaga polo seu traballo en “Matria”, película que poderá verse ese mesmo día ás 16.30 no Baixo de Bugarín.

Outra das actividades para celebrar o Día das Letras serán as proxeccións das curtas da sección Novas Camadas, que mostra o traballo de novos cineastas galegos menores de 25 anos. Serán dez curtametraxes, realizadas polos cineastas máis novos, que se farán públicos nos próximos días. Nesta xornada especial adicada ao Día das Letras tamén se presentará o documental “De casa en casa”, unha homenaxe ás veciñas de Cans que recolle as testemuñas dos oficios extinguidos nos anos 70 do século pasado, como os das mulleres que percorrían as aldeas coas máquinas de coser ao lombo, ás que cociñaban nas celebración doutras casas ou as que facían de parteiras para axudar a parir a outras mulleres. Pola noite, as 21:30, o Torreiro recibirá AcordeCans e ás Pandereteiras de Cans para poñerlle música á noite máxica das veciñas e veciños da aldea. Será o fin de festa perfecto para un día moi intenso de actividades e homenaxe á lingua e á tradición no festival.

As entradas para as curtas, camiño de esgotarse
A venda de entradas para as proxeccións e actividades do festival continúa a moi bo ritmo. Están case esgotadas as das curtas de Ficción e Animación e aínda quedan algunhas para a actuación do músico chileno Nano Stern, homenaxeando a Víctor Jara nos 50 anos do seu asasinato en 1973, e a poeta e acordeonista Rosalía Fernández Rial no escenario do Invernadoiro Rei Zentolo.

Hai que lembrar que os que compren tickets para as sesións da mañá terán toda a dispoñibilidade pola tarde para gozar do resto da programación do festival. As entradas e camisolas especiais da XX edición poden adquirirse en www.festivaldecans.com.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.