O Covelo | Do 2 ao 10 de agosto de 2025, Covelo converterase de novo nun espazo de encontro coa arte e as tradicións grazas a ARTEALDEA, que este ano celebra a súa 20ª edición. O festival, organizado por ARTEALDEA e coa colaboración do Concello de Covelo, ofrecerá unha programación única que mestura música, danza, teatro, talleres creativos, excursións, gastronomía popular e actividades para todas as idades.
Unha programación diversa e participativa. Durante nove días, a contorna de Piñeiro acollerá múltiples actividades en dous escenarios, con espectáculos de música popular galega, copla, tango, percusión afro-brasileira, recitales poéticos, humor e concertos. Non faltarán tampouco as tradicionais queimadas populares e as foliadas participativas.
O público poderá gozar tamén dunha ampla oferta de talleres: barro, arte téxtil, voz, pigmento e auga, danza tradicional, tango, teatro, biomagnetismo cuántico e moito máis. As mañás completaranse con excursións guiadas a lugares naturais e patrimoniais do municipio, combinando arte, historia e natureza.
O domingo 10 de agosto celebrarase unha gran comida popular, seguida dunha mostra de talleres, actuacións de música tradicional galega e unha queimada popular escenificada para despedir esta edición especial do festival. Vinte anos promovendo a arte e as tradicións, desde a súa primeira edición, ARTEALDEA converteuse nun referente cultural en Galicia, fomentando a participación veciñal e mantendo vivas as raíces artísticas e culturais da zona. Este 20º aniversario consolida o festival como un evento imprescindible para veciños, visitantes e amantes da cultura popular.
As actividades terán lugar en Piñeiro, Covelo, do 2 ao 10 de agosto de 2025. O festival está organizado por ARTEALDEA e conta coa colaboración do Concello de Covelo.