1846-2026: A Nación que agromou entre o ferro e o lume.

Cadernos da viaxe.

Van aló cento oitenta anos daquel abril de 1846, daquel “abril de lume e ferro” que dramatizou o noso poeta nacional Manuel María. Unha auténtica revolución democrática que xurdiu dunha transversal coalición interclasista (pequena e mediana burguesía e sectores populares de vilas e cidades) que vai moito mais aló de ser outro pronunciamento do século XIX, malia que quizais ficase niso para algúns dos xefes e oficiais alzados, de orixe foránea.

Abril de 1846 foi o instante fundacional no que Galicia, por un imperativo de dignidade e racionalidade política, intentou rachar as cadeas que a mantiñan como unha “colonia da Corte”. Hoxe, con perspectiva histórica e analítica, compre pescudarmos naa dialéctica entre o espírito revolucionario que percorría Europa e a nosa propia pulsión protonacionalista. Porque o que acontece na Galicia dous anos antes da “primavera dos pobos” de 1848 non foi un anacronismo, senón un preludio. Galicia adiantouse ao pulso democrático europeo, mais fíxoo cunha peculiaridade que aínda hoxe define a nosa complexidade política: a convivencia -ás veces traumática- entre a táctica militar e a estratexia de país.

“Abril de 1846 foi o instante fundacional no que Galicia, por un imperativo de dignidade e racionalidade política, intentou rachar as cadeas que a mantiñan como unha ‘colonia da Corte”

Neste escenario, a figura do avogado e varias veces alcalde compostelán, Pío Rodríguez Terrazo, como Presidente da Xunta Superior de Galicia, e do mozo Antolín Faraldo, como o seu Secretario e motor ideolóxico, conforman unha bicefalia imprescindíbel. Un representaba a autoridade institucional, o Dereito e a vontade democrática da burguesía progresista das vilas e cidades galegas. O outro o lume do romanticismo político e a pluma que converteu un malestar social nun proxecto de nación. Malia as súas diferenzas xeracionais e de xorne político, uniunos a certeza de que sen unha Galicia recoñecida como suxeito, calquera reforma democrática no Estado sería un espellismo. Dende abril de 1846 non hai verdadeira reivindicación social e democrática na Galicia que non atenda á Galicia como suxeito político da mesma. Non hai proxecto de liberdade e democracia sen parella reivindicación da nosa identidade nacional e autogoberno.

Porén, a historia tamén nos obriga a mirar cara ás sombras. O fracaso de 1846 non foi só froito da superioridade numérica do xeneral Concha. Existiron graves erros militares que non podemos obviar. Mentres o elemento cívico galego vibraba cunha pulsión galeguista e democrática, parte da oficialidade sublevada, liderada por un Solís dubitante, vía en Galicia unha simple plataforma estratéxica para un pronunciamento militar en clave española. Para algúns militares, a loita era unha táctica de partido; para os civís, era unha razón de ser. Esa desconexión -o ferro que non quixo ser lume- condenou a batalla de Cacheiras antes de que se disparase o primeiro canón.

Aquel exército que se detivo en Lugo e Santiago, que non foi quen de abrir as portas da liberal Coruña e que perdeu o factor sorpresa mentres Madrid organizaba a represión, personifica a traxedia de quen non acaba de crer no país que defende. Mentres Faraldo escribía que Galicia rexurdía non poucos xefes e oficiais (non así os galegos suboficiais e tropa) agardaban un sinal da Meseta que nunca chegou. O desleixo estratéxico foi, en realidade, unha falta de fe nacional.

Con todo, abril de 1846 deu como resultado a conciencia de país, que viu naqueles militares asasinados a mártires da liberdade, como os galeguistas da Coruña de 1904 escribiron no monumento da vila carralesa construído na altura. Se hoxe entendemos Galicia como unha entidade política e non como unha mera expresión xeográfica, é grazas a que Terrazo e Faraldo foron quen de institucionalizar a rebeldía. Aquela Xunta Superior foi o noso primeiro ensaio de autogoberno na Idade Contemporánea.

“Abril de 1846 deu como resultado a conciencia de país”

Cento oitenta anos despois, o reto segue a ser o mesmo: evitar que o ferro das estruturas alleas volva arrefriar o lume da nosa vontade colectiva. Porque a historia apréndenos que Galicia só avanza cando o pensamento e a acción camiñan baixo o mesmo paraugas de país, sen desleixos, sen subordinacións e coa mirada posta na nosa propia soberanía. Cando liberdade, benestar e autogoberno van xuntos.

Que este abril non sexa só de flores, senón -tamén- de memoria política activa.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.