O Porriño | O Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa veciñanza e co desenvolvemento sostible das súas parroquias e barrios cun investimento histórico de 175.000 euros en subvencións destinadas a todas e cada unha das comunidades de augas do municipio. Esta achega, a máis elevada da historia porriñesa neste eido, supón un respaldo sen precedentes ao traballo das comunidades de augas, entidades fundamentais para garantir o acceso á auga potable e ao saneamento en moitas zonas do rural.
A este esforzo súmase a colaboración da Deputación de Pontevedra, que este ano destinou 70.000 euros adicionais para apoiar a diversas comunidades de augas do Porriño, reforzando así o compromiso das administracións públicas coa xestión comunitaria da auga. Con motivo desta achega, o deputado provincial Javier Tourís visitou onte o noso municipio, onde tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo realizado por estas entidades e os proxectos que recibiron financiamento provincial.
Durante a visita, Tourís destacou o papel crucial que xogan as comunidades de augas como exemplo de organización veciñal e solidariedade, xa que están xestionadas por persoas que traballan de forma totalmente altruísta co único obxectivo de garantir un servizo esencial para o benestar das súas parroquias.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, manifestou a importancia das comunidades de augas no municipio, especialmente nas zonas onde non chega a rede xeral. “As comunidades de augas son unha peza clave para o funcionamento e a calidade de vida en moitas das zonas do Porriño”, afirmou o rexedor. A súa labor abrangue dende a captación e almacenamento da auga ata o mantemento das infraestruturas e o seu correcto tratamento, coidando tamén o medio ambiente e fomentando un uso responsable dos recursos hídricos.
Desde o Concello quérese poñer en valor o papel destas entidades, formadas por veciños e veciñas que, de maneira desinteresada, contribúen a garantir o acceso á auga potable en moitas parroquias. “O traballo incansable das persoas que forman parte destas comunidades é digno de recoñecemento. Son auténticos exemplos de civismo, cooperación e compromiso coa veciñanza”, sinalou Lorenzo.
Neste sentido, o alcalde subliñou a importancia do apoio institucional para garantir a continuidade e mellora destes servizos. “O apoio económico das administracións non é só un recoñecemento merecido, senón tamén unha necesidade para garantir que todas as parroquias do Porriño dispoñan dunha auga de calidade, segura e xestionada de forma eficiente”, concluíu. Este investimento de 245.000 euros entre o Concello e a Deputación de Pontevedra supón un paso adiante na loita contra o despoboamento, na igualdade de servizos entre o rural e os núcleos urbanos e na posta en valor do traballo colectivo como ferramenta de transformación social.
Saneamento en 38 vivendas de Budiño
O Concello do Porriño continúa dando pasos firmes cara ao obxectivo de lograr o saneamento integral en todas as súas parroquias. Un novo proxecto, cun investimento de 344.382,01 euros, permitirá dotar deste servizo esencial a 38 vivendas do núcleo rural de Picouzo-Cruz- Cortés-Eirís, na parroquia de Budiño.
A obra dará resposta a unha demanda histórica da veciñanza e porá fin ao uso de fosas sépticas, mellorando substancialmente a calidade de vida e contribuíndo á protección do medio natural. Trátase dunha das actuacións máis relevantes dos últimos meses dentro da estratexia de equilibrio territorial e sustentabilidade impulsada polo Goberno local.
O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que: “Cada nova conexión ao saneamento é unha conquista para o rural. Seguimos executando actuacións que garantan servizos públicos de calidade en todas as parroquias, sen excepcións. Esta obra en Budiño é un novo exemplo dese compromiso.”
A actuación contempla a instalación de 1.142 metros de novos colectores, repartidos en catro tramos e os seus ramais, así como a repavimentación de 5.450 m2 de superficie afectada. Entre os materiais e técnicas empregadas destacan:
• Tuberías de PVC SN4 macizo, de 250 e 300 mm de diámetro.
• Pozos de rexistro de 1 metro de diámetro.
• Tapas de fundición certificadas segundo norma UNE-EN 124.
• Excavacións especiais, nalgunhas zonas, superiores aos 3 metros de profundidade.
O proxecto inclúe tamén:
• Escavacións e recheos (1.500 m3), con catas para identificar servizos soterrados.
• Obras de fábrica para estabilización e protección de conducións.
• Saneamento e acometidas individuais (36% do orzamento).
• Nova pavimentación e reforzo estrutural da vía (35% do orzamento).
• Xestión de residuos (9%) e medidas de seguridade e saúde (1%).