• Segue conectado
  • |

Xil Ríos, o trobador de Moaña

A corporación municipal moañesa acordou nomear Fillo Predilecto a Xil Ríos, distinción que lle será concedida o próximo venres no acto institucional que se celebrará na Casa do Concello. A proposta partíu da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) que axiña foi refrendada con entusiasmo por máis de corenta entidades culturais e un sector da cidadanía que tamén a respaldou, grazas ao traballo eficaz de Manolo Méndez.

Moaña | Xil Ríos é unha figura sobranceira da música popular galega. Comezou a súa carreira na década dos anos setenta, acadando en 1973 o premio “Cidade de Ourense” que lle outorgou a IX edición do Festival do Miño pola interpretación da canción “Miña Maruxiña”, composición súa, que entusiasmou ao público que ateigaba o pavillón dos deportes.

Desde entón o trobador moañés foi incrementando a súa produción discrográfica e as actuacións en todos os recunchos do país e alén do Padornelo, e en programas musicais das televisións. Foi tal o éxito das súas cancións que estas xa forman parte do repertorio das cancións de taberna e das improvisadas troulas en festas e romarías.

 

Xil Ríos plasmou nas súas letras con acerto e engado poético a solidariedade coas clases máis desfavorecidas, os mariñeiros, xentes tan próximas a el cos que compartíu moitas veces faenas de pesca na ría; aínda que por imposición das casas discográficas tivera que derivar a outro estilo para poder gravar.

Na exposición de motivos da proposta da AFNLG afírmase o evidente, que Xil Ríos fai parte desa pléiade de grupos musicais que dignificaron a nosa lingua a partir de fin dos anos cincuenta, sendo pioneiros Los Tamara, que por entón facían xiras por Europa á par do Ballet Rey de Viana, que foi o auténtico embaixador no mundo da nosa tradición folclórica.

Foron aqueles anos setenta a década de ouro da música lixeira, acando os primeiros postos de venda e audición na radiodifusión española. Cómpre lembrar a dúas figuras senlleiras, Andrés do Barro e Juan Pardo,que escribirá algún tema para Xil Ríos, que conseguiron exportar ao mundo o noso idioma a través das súas músicas. O éxito acadado por estes cantantes fixo que grupos musicais non galegos como Los Relámpagos fixeran versión instrumentais da “Alborada de Veiga” e “Muiñeira de Chantada”; ou que Maria Ostiz,aínda que desgrazando unha letra do noso cancioneiro, fixera popular unha cantiga tradicional, e que mesmo Julio Iglesias se atreve a mesturar o galego e o castelán noutra súa composición que se fixo universal.

Xil Ríos, home fidel á tradición musical foi sempre exquisito nos usos lingüísticos dos seus textos; cantaba como falaba. As súas letras e músicas de doada recordación fan parte xa do noso cancioneiro popular, e grazas a elas foron varias as xeracións que tiveron maior querencia pola nosa lingua.

Fixo máis Xil Ríos pola normalización da nosa lingua que moitos escritores. Por esta razón, consideramos oportuna, xusta e intelixente a decisión da corporación municipal de Moaña, e de cantos asinaron a proposta , de concederlle a maior honra que pode recibir un cidadán co título de Fillo Predilecto. Descoñezo neste momento se o goberno municipal ten mentes de perpetuar a memoria do máis grande trobador universal que tivo o Concello, pero se fose posible eu pediría que non quedase só nese recoñecemento institucional e institucionalizasen un festival de música galega que levase o seu nome para premiar a novos valores que fagan posible mil festas máis para a lingua galega imitando o seu exemplo.


Director da revista Lingua e Dereito. Presidente da Fundación dos premios da Crí­tica de Galicia. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Colaborador da Enciclopedia Galega Universal e asesor literario da editorial Ir Indo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüí­stica e da Asociación de xuristas en galego. Fundador da Fundación Galicia Empresa. Ademais, fundador da Fundación Lois Pena Novo.
Publicado o 17 Feb 2017 en Moaña, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies