• Segue conectado
  • |

“Vemos os adolescentes como a esperanza do mundo”

Miguel Mosqueira | Ataque Escampe

Moncho Mariño | A conversa desenvólvese uns días despois da presentación do seu novo traballo “Primeiros Bicos”. Miguel Mosqueira, un dos membros do grupo Ataque Escampe, fálanos deste novo disco, das ideas que pasaron pola cabeza dos seus membros para compoñelo e exergalo.

 

A paternidade estalle pasando factura a Ataque Escampe?

Non. En realidade só tivo un fillo Roi, que é un de cinco. Tamén o ex-membro Alex Charlón vai ter un fillo. Quizais o feito de teren fillos nos fai reflexionar sobre a vida. Un é consciente que non é máis que un relevo entre unha xeración e outra. Ese ciclo da humanidade, en vez de velo con pesimismo vémolo con optimismo.

Optimismo?

Si, as letras convidan á reflexión e son ambiguas. Hai que escoitalas no contexto musical no que están. Se as músicas son bailables e rítmicas, pois as letras hai que escoitalas con esa óptica.

Ata o momento parecía que Ataque Escampe tiña un ritmo moi seu. Pero chega este novo disco e todo cambia.

No disco anterior, que era o primeiro no que estaba o novo batería, Álvaro, xa había algúns ritmos fanki, disco ou que tentaban achegarse a ese estilo. Neste incluimos ritmos máis africanos e reagge porque nos interesan esas sonoridades, que lle dan un aire festivo á música. Ese punto de celebración gústanos, para escoitar na casa como no directo.

Realmente os ritmos que incorporades a este disco non son idea totalmente de Ataque Escampe?

Neste disco contamos coa axuda de Julio Vilariño. Julio é unha persoa próxima a nós en canto que hai anos que o coñecemos. Temos uns gustos en común no que respecta á arte. Entón pensamos que a súa visión desde fóra podería axudarnos a matizar os temas e non discutir entre nós.

Iso non o conseguiu polo que escoitei.

Houbo discusións gordas, si. Un quere que as cousas saian ben, esa paixón crea enfrontamentos que quedan no campo.

Pero non deben ser tales discusións. Se o fosen, só vos reuniriades para facer o disco.

Tamén saímos xuntos porque, se imos ensaiar, se imos tocar nun concerto, tamén imos tomar algo xuntos. Logo non nos vemos moito máis porque xa nos vemos dabondo. Hai que deixar que corra o aire.

Sobre os temas “Barrio Sésamo”.

É un recordatorio da nosa infancia e serve para empatizar coa xente da nosa xeración. E a quen non é da nosa xeración, ofrecerlle unha caste de panorama do ano 1986. Era unha especie de exploración, sen ningunha nostalxia. Tamén de fixarnos que a nosa xeración tiña a TV como un factor moi importante de ocio que compartiamos. Chegabas ao colexio ou á rúa e falabas cos teus amigos sobre eses mesmos programas. Somos a xeración pre-Internet. Coa chegada da Internet, está máis disperso o ámbito da influencia dos medios na sociedade. Non é mellor nin peor, é distinta, porque agora a TV non ten tanto peso.

Porque “O Corazón Vencerá”?

Polo do punto de vista optimista no que ti non es máis que parte dun ciclo vital de persoas e tes que confiar nelas. Entón o corazón simboliza a fraternidade e a liberdade.

“Eu chorei con Gosht”?

Nese tema hai unha celebración da empatía e dos recordos da infancias. Noutras disciplinas artísticas non pasa nada se un fai unha obra ambientada no pasado. Normalmente porque o director ou escritor coñece esa época, entón ofrece ese contexto, non por nostalxia, senón porque quere que se vexa desde 2017. E en música por que non se fai? Nesta canción falamos de algo concreto, non abstracto. Falamos da vida presente e do pasado. Esa tensión existe sobre todo cando un vai cumprindo anos e ten un pasado, presente e futuro.

“Papá borracho”?

Fíxase nunha relación paterno filial. Narra o día do enterro do pai e fala dos recordos que suscita no fillo. Entón imos sabendo como foi a relación, como era o pai, que propósito ten o fillo e a maneira que ten de comportarse. Tamén baixo a ollada da fraternidade, porque nunha situación así, un busca o apoio das persoas. De aí a metáfora da discoteca. A discoteca sería un lugar sen sentido se un fose só. Imaxina estar ti só na discoteca. O que fai útil ás discotecas é que haxa xente, compartir o bo momento. A cuestión nesta canción é de como se fala disto, con que palabras, se conta a historia.

O indi galego vive o seu mellor momento como di un artigo publicado hai pouco?

Lino. É certo que hai escena e moitos grupos. O que vexo é que o artigo sobredimensiona a escena. Fala de moitos grupos. Pero se alguén de fóra le iso, pensa que todas as bandas que mencionan son influintes e teñen moito público.

E non é bo darlles unha presenza?

Si, o que pasa é que parece un tanto esaxerada a influencia. Hai grupos que non pasan do seu círculo de amigos. Está sobredimensionado.

E ser indi?

É a escena independente.

Independente de que? Hai días que mesmo o “Dúo Dinámico” tamén se autoproclamaban indis.

Agora o indi é mainstream. Houbo unha época na que non houbo plataformas para que eses grupos independentes se fixesen famosos. Agora que o termo indi está máis que connotado como mainstream, habería que usar o termo independente. No sentido de ser autoxestionado, que non haxa unha grande industria detrás e que podas usar as redes sociais para contactar coa xente. Será un público menor pero co que tes un contacto maior. E sen apoios, sen subvencións e sen sair en medios. Ben, sair nalgúns medios, pero non hai unha visibilidade nos medios máis masivos.

A formación do grupo está consolidada?

Está consolidada porque xa levamos tempo tocando xuntos e sentímonos unidos e empastados.

A foto promocional nas termas a que vén?

As termas de Prexigueiro en Ribadavia. Hai unha canción no disco “Mondariz Balneario” e quixemos facer as fotos alí. Non se podía facer dentro do balneario e por iso saímos nas termas. E ese choque entre “Primeiros Bicos” que é como naif, e as fotos, que son como obscenas, crea un contrapunto interesante. Parece unha bacanal, saímos con cara de poucos amigos, de esgotamento.

Todo isto parece postureo.

Non, non. O que buscamos é o contrapunto, que haxa tensión entre elementos. O título de “Primeiros Bicos” fala de desamor, non só de parella, fala de falta de perspectiva. Iluminamos esa desolación para facer ver que hai un espírito adolescente en todo o disco. Vemos os adolescentes como a esperanza do mundo, e nós queremos ser algo adolescentes no sentido de seguir sorprendéndonos coas cousas. Ese desamor, esa falta de perspectiva transformouse no contrario. O título vai nesa dirección, pensar no contrario do que había.


Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.
Publicado o 21 Mar 2017 en Entrevistas.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies