Un pan de centeo con historia representa a Tomiño nunha cátedra da Universidade de Lugo

O mestre panadeiro Marcos Castro levou ao evento o chamado Pan do Miño, “un pan de miga escura e pouca levadora que funciona para todo”

Tomiño | Unha bola de “Pan do Miño”, un pan de trigo e centeo que prepara a panadería tomiñesa “Camiño Novo” e que ten moitas décadas de historia, foi un dos mellores pans de Galicia, que degustaron as persoas asistentes ás xornadas “¿Poñemos o pan sobre a mesa?, organizadas pola Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha, da Universidade de Lugo e a primeira adscrita ao Campus Terra da USC.

A xornada tivo lugar hai unhas semanas na Casa do Saber (Vicerreitorado do Campus de Lugo), coa participación da vicerreitora de Coordinación do campus lugués, Montserrat Valcárcel Armesto; e o promotor e a directora da Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha, Manuel Da Cunha Pereira e Mª Ángeles Romero Rodríguez, respectivamente.

Tras a celebracións das distintas mesas e conferencias, realizouse unha mostra e degustación de pans artesáns de Galicia, acompañados por produtos da terra, e entre aqueles, estaba o “Pan do Miño”, o mesmo nome co que o artesán de Tomiño competiu hai máis de 20 anos no campionato galego de panadería. “É un pan que antigamente se facía polas casas; a miña avoa Amelia, que tamén era panadeira, facíao, e o meu pai Feliciano tamén ”, explica Marcos Castro. Trátase dun pan que leva fariña de trigo normal, de muiño de pedra e de centeo; un pan de bola, con masa madre, que pesa uns 800 gramos e que ten un período longo de fermentación (de 18 a 20 horas). Por esa razón non o hai todos os días. “É un pan de miga escura ou color crema, que funciona para todo, tostadas, comida, merenda, bocadillos, e que leva pouca levadora, o que fai que a fermentación sexa longa e que os sabores se concentren”, comenta Marcos, quen agradece o convite dos organizadores da xornada. “Grazas por facernos partícipes de tan importante evento e poder mostrar a Galicia o noso pan”, dixo Marcos na presentación do seu produto.

A Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha é unha cátedra institucional que ten como obxectivos a investigación, o fomento da docencia e a difusión dos coñecementos no ámbito do pan e dos cereais, en concreto, sobre tres aspectos: historia da elaboración do pan en Galicia; selección e produción de cereais autóctonos, e impacto na economía galega.

O goberno local de Tomiño fíxolle chegar a Marcos Castro os seus máis sinceros parabéns, agradecéndolle que de a coñecer produtos de calidade que se fan na vila.