• Segue conectado
  • |

Treixadura.

Asistín ao concerto de presentación do novo disco do grupo “Treixadura” e saín reafirmado, unha vez máis, na miña convicción de que é a agrupación que mellor representa a nosa tradición musical. Non hai moito afirmaba nunha colaboración publicada aquí que o milagro de Treixadura é facer bailar e cantar a nenos e maiores, transmitíndolles a forza emotiva do noso cancioneiro popular. Tal cousa pasou no Teatro García Barbón en Vigo a pasada semana,cun aforo de 994 prazas repartidas entre un patio de butacas e tres anfiteatros. A forza telúrica que insuflaba o programa musical no público era de tal intensidade que, Martiño, un rapaciño de apenas nove meses aguantou todo o concerto, contorneándose e movendo os brazos coa emoción que lle producía a música que escoitaba; o mesmo facía, a señora Maruxa, que seica acababa de cumprir cen anos, que non eran estorbo para que bailase e cantase sen parar.Velaí a maxia da nosa música.

“Inda canto! “, que é o título do novo disco, recolle un repertorio variado no que inclùe foliadas, pasodobres, e muiñeiras. Unha delas da autoría de Xaquín Xesteira, ese músico de extraordinaria versatilidade, sobre un poema de Ramón Cabanillas, “Muiñeira da Revolta”. Este novo disco é unha contribución máis que arrequece o noso patrimonio musical en tempos nos que os ventos da globalización ameazan a nosa singularidade cultural.

O orfeón de Treixadura que leva a voz cantante, está formado por tres baixos (Ramón Martín, Gustavo Cuntín e Álvaro Lamas); catro barítonos (Quico Obelleiro, Paulo de Rei, Xurxo Raposo e Antón Cabaleiro), e tres teores (Antón Fontenla, Alberto Raposo e Anxo Xesteira), complementado cos instrumentistas Paulo Nogueira, Xaquín Xesteira, Toniño López, e a única muller, Magoia Bodega, que son quen de executaren coas gaitas, acordeón e percusión excelentemente o repertorio editado neste novo disco.

Polo que sabemos, de aquí a fin de ano, Treixadura xa ten contratados ao pé de trinta concertos, que non son poucos. Isto demostra que os seus concertos interesan porque concentran a milleiros de persoas, moitas delas procedentes de lugares distantes, que acuden engaiolados pola música deste grupo que hoxe en Galicia é o símbolo da pervivencia do noso acervo musical; son os herdeiros de coñecidas agrupacións corais, as máis delas fundadas polas activas Irmandades da Fala que souberon mirar na nosa música tradicional un medio para chegar á alma do pobo e avivala.

Os concellos galegos, que deberían programar as súas festas maiores contratando a Treixadura, pensando en daren exemplo ás comisións de festas parroquiais, as máis das veces sometidas á vulgaridade de actuacións musicais de pouco gusto e de considerable custo económico. É ben triste observar o comportamento da xente ante as actuacións desas coñecidas orquestras, incapaces de transmitir sentementos como o fai Treixadura, entusiasmando ao público.

As festas son espazos lúdicos que debemos aproveitar para elevarmos o nivel de conciencia galega nas nosas xentes e o orgullo polo propio. Velaí o gran labor que está a facer Treixadura en Galicia. Cada actuación súa é unha torrenteira de emocións e sentimentos que temos que agradecerlles. Os concellos e as comisións teñen a palabra. O público agradeceríallelo.

Con Treixadura é posible facer realidade o desexo de termos mil festas máis para a lingua galega.


Director da revista Lingua e Dereito. Presidente da Fundación dos premios da Crí­tica de Galicia. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Colaborador da Enciclopedia Galega Universal e asesor literario da editorial Ir Indo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüí­stica e da Asociación de xuristas en galego. Fundador da Fundación Galicia Empresa. Ademais, fundador da Fundación Lois Pena Novo.
Publicado o 16 Abr 2018.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies