Tomiño quere ser Mercado Excelente de Galicia

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou o mercado municipal de Tomiño, coincidindo coa publicación no DOG, da Orde de Mercados Excelentes

mercado excelente

Tomiño | A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou o mercado municipal de Tomiño, que quere ser excelente, coincidindo coa publicación no DOG, da Orde de 12 de abril de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos galegos, asociacións e cooperativas de persoas praceras dos mercados, para a consecución de mercados de excelencia.

Con esta visita, a mandataria pretendía por coma exemplo de bo facer ao mercado tomiñés, xa que este reúne, tras a súa reforma integral, todos os requisitos e condicións para ser declarado mercado excelente.

Acompañada pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, varios concelleiros, e tamén polo xefe territorial da consellería, Ignacio Rial, a directora xeral de Comercio, percorreu cada un dos postos do mercado tomiñés, espallados polas dúas plantas do edificio, aproveitando para falar cos praceiros e praceiras sobre a marcha dos seus negocios.

Durante a visita, Sol Vázquez, afirmou que “o de Tomiño é a día de hoxe, un dos mellores mercados dos 95 que existen en Galicia”.

A alcaldesa, pola súa banda, agradeceu á mandataria autonómica ter elixido Tomiño para facer esta visita, e afirmou sentirse orgullosa do que é na actualidade a antiga praza de abastos.

Coas últimas catro incorporacións, no primeiro andar, son xa 14 os postos que dan contido ao Mercado Municipal, edificio emblemático que foi obxecto dunha reforma integral hai un par de anos.

Deste xeito, o mercado completa a súa oferta gastronómica e de servizos, entre a que se pode atopar, ademais de produtos frescos ou non perecedoiros, degustación e venta de bebidas, tes, licores e doces; conservas naturais feitas de xeito totalmente artesanal, servizos de manicura e pedicuro, etc.

Con respecto ás axudas publicadas hoxe no DOG, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará un total de 900.000,00 euros, para a mellora dos recintos onde se desenvolva o comercio non sedentario e a posta en marcha de actuacións que permitan aos mercados, aproveitar as sinerxías xeradas polo Camiño de Santiago”. Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao de publicación no Diario Oficial de Galicia, é o tempo que hai para solicitar as subvencións.