• Segue conectado
  • |

Sobre un deus en azul.

II. Quen inspirou o deus azul

Falabamos o outro día de que fun tomar un pincho con Casares tras o comentario de Villalaín sobre Deus sentado nun sillón azul. Sempre me interesou a figura de Risco e a súa influencia, absoluta, no nacionalismo galego de entreguerras ; a súa longa sombra, en parte, presente nos primeiros pasos do Partido Galeguista e, mesmo, o seu ecoar nas formulacións máis radicais, en termos identitarios, do nacionalismo galego contemporáneo cando se esquece do vector social, determinante tanto para comprenderse a si mesmo como para explicar a súa limitada influencia política nas últimas catro décadas.

É evidente que Casares non quería que o seu personaxe se confundise con Risco, por iso o cita polo seu nome en dúas ocasións. Máis tamén é evidente que tanto o contexto espacial como unha lectura, nin mesmo moi sutil, da novela e, en especial, a descrición física do protagonista do relato, encamíñanos cara a Risco. Por iso cando nunha conversa, gravada e publicada, lle preguntamos abertamente se Risco era a fonte inspiradora do seu personaxe, Casares respondeunos á galega: “si e non”, pero “hai un parecido”.

Casares pretendía reflexionar, como dixo Villalaín o outro día, sobre como é posible que unha persoa culta, formada, por moi conservadora que sexa, poida chegar a xustificar ou mesmo apoiar e participar dos horrores que desencadeou o fascismo , en especial, o nazismo. Para iso, díxonos naquela conversa, tiña dous persoeiros que o poderían inspirar. Un era Risco, pero corría o perigo de facer un retrato demasiado humano dunha persoa á que coñeceu, tratou e admirou e da que descubriu o seu pasado máis tarde. O outro era Carl Schmitt, a quen tratara, pero pouco, e que lle caía moi antipático. Así que este último serviu de modelo pero, como é obvio, pasado pola peneira dunha cidade, Ourense, e da figura que personalizaba o intelectual local.

Comentounos Casares aquel día a súa opinión de Risco, a quen coñecera sendo un bacharel e participara no seu célebre faladoiro xunto con outros mozos ourensáns. Casares cualificouno de “extremadamente conservador”, aínda que non en todo, xa que en asuntos de arte era moi vangardista. Para os “artistiñas”, Risco era máis contemporáneo que Otero a quen vían como un home serio, en exceso antigo. Contrasta esta opinión coa que nos deu, en síntese, hai anos Tobío; de Risco dixo “todo nacionalismo ten o seu carlismo”, mentres que de Otero afirmou “demasiado culto para ser conservador”; Tobío e Risco coincidiron en Berlín en 1930, un pouco antes de que o protagonista da novela de Casares resida na capital alemá.

Seguindo coas opinións de Casares sobre o autor de Mitteleuropa -outro día falaremos de Schmitt-, o autor de Deus… non coincidía coa visión de Piñeiro que, ao igual que os galeguistas do grupo Galaxia, difundiu unha versión benévola dun Risco humanamente feble, premido polo medo…; seica dicía Piñeiro que debería recoñecerse nas constitucións o dereito a ter medo, medo físico, medo ás mulleres…

Cando Casares chega a Santiago e escoita como os máis novos cualifican de “traidor” aquel home que el admiraba, púxose a pescudar no seu pasado e mesmo pretendeu falar con el, pero xa estaba enfermo e morreu (1963). Casares foi descubrindo os horrores de Risco e afirmou que se o que escribiu sobre os xudeus o fixese en Alemaña e en alemán non teriamos esa visión condescendente con el; Risco tiña un pensamento fascista e casaría moi ben cun Primo de Rivera ou Benito Mussolini.

[...]

Páxina anterior | Páxina seguinte


Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.
Publicado o 1 Xul 2017.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies