• Segue conectado
  • |

Santiago de Compostela súmase ao proxecto “As pegadas de Rosalía”

Ruta Rosaliana da que tamén forman parte os concellos de Padrón, Ames e Brión

Santiago de Compostela |O Concello de Santiago vén de adherirse ao proxecto denominado “As pegadas de Rosalía”, unha Ruta Rosaliana da que tamén forman parte os concellos de Padrón, Ames e Brión. Trátase dun itinerario circular que parte da praza de Vigo e chega ao Panteón de Galegos Ilustres, despois de percorrer lugares vinculados á vida de Rosalía de Castro como San Xoán de Ortoño, a igrexa de Bastavales, en Brión, ou a colexiata de Iria Flavia, en Padrón.

O alcalde, Martiño Noriega, deu conta da participación de Santiago no proxecto nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polos rexedores de Ames, José Miñones, e Brión, José Luis García; a concelleira de Cultura e Turismo de Padrón, Lorena Couso, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Tamén participou María Luísa Ferreiro, en representación da empresa Galicia es +, promotora do proxecto.

A Ruta Rosaliana

“As Pegadas de Rosalía” toma como referencia a ruta deseñada polo falecido Avelino Abuín de Tembra. Parte da praza de Vigo de Santiago, lugar onde naceu Rosalía de Castro o 24 de febreiro de 1837. Posteriormente discorre por lugares como San Xoán de Ortoño, en Ames, lugar de nacemento do pai de Rosalía e do Seminario de Estudos Galegos; a igrexa de Bastavales, en Brión, cuxas campás foron cantadas pola escritora; e a colexiata de Iria Flavia, o Pazo de Arretén e a Casa de Rosalía, no concello de Padrón. A última parada do roteiro circular é, de volta en Santiago, o Panteón de Galegos Ilustres da igrexa de San Domingo de Bonaval, onde está soterrada a autora.

Polo de agora, a ruta de “As pegadas de Rosalía” está concibida para ser percorrida en coche ou en autobús, pero o obxectivo é deseñar itinerarios para que o roteiro poida ser realizado en bicicleta ou mesmo a pé. Nas páxinas web de cada concello participante pódese atopar o folleto do proxecto, así como unha contorna web 360.

Santiago, parte fundamental da ruta

O alcalde recoñeceu hoxe que “non tiña sentido que Santiago non participara nesta ruta de interese cultural e turístico, porque a pegada de Rosalía en Compostela é evidente, como tamén o é a pegada de Compostela na obra da escritora”. Martiño Noriega tamén reivindicou a figura de Rosalía “como icona e lugar de encontro no país”.

Nesa idea incidiron tamén os representantes dos outros concellos, que tamén agradeceron que o Concello de Compostela decidira sumarse ao proxecto e gabaron a unidade de acción entre os catro municipios nesta iniciativa.

O alcalde de Ames, José Miñones, quixo lembrar que Rosalía ten un forte vínculo co seu concello porque “aquí está a casa onde naceu o seu pai, foi tamén onde xurdiu o Seminario de Estudos Galegos, e quedan moitos lugares rosalianos por descubrir, sobre todo nas ribeiras do Sar”. Pola súa parte, o alcalde de Brión, José Luis García, reivindicou o símbolo “das campás da Igrexa de Bastavales, que aparecen en Cantares Gallegos, e que aínda se poden escoitar a día de hoxe”. Por último, a concelleira de Turismo e Cultura de Padrón, Lorena Couso, incidiu en que “os catro concellos que participan no proxecto non tiveron que inventar nada, só foi preciso poñer en valor o patrimonio rosaliano que sempre estivo aí”. Tamén apuntou que “Rosalía é un dos principais sinais de identidade de Padrón, un pobo pequeno en habitantes e extensión pero que pode presumir de ser o berce da autora de Follas Novas, de Camilo José Cela e do fenómeno xacobeo”.

Na presentación participou tamén o presidente da Fundación Rosalía de Castro, que presta asesoramento para o desenvolvemento do proxecto “As pegadas de Rosalía”. Anxo Angueira cualificou de “felicidade que Santiago se sume a este proxecto, que celebra as cousas que nos unen, como o río Sar, o Camiño de Santiago ou a propia figura de Rosalía”. Tamén se mostrou convencido de que a Ruta Rosaliana “achéganos á figura da escritora, pero tamén á historia de Galicia, á súa arte e á súa natureza”. O presidente da Fundación Rosalía rematou lembrando a Avelino Abuín de Tembra que, dixo, “foi o primeiro en ter a idea de crear unha ruta polos lugares rosalianos”.

“As Rosalías da Vida”

Na rolda desta mañá tamén se presentou o evento “As Rosalías da Vida”, que se vai celebrar o 26 de marzo coincidindo co Día do Cancro Uterino, enfermidade da que faleceu a autora. Trátase de visitas teatralizadas á Casa Museo de Rosalía en Padrón, unha ás 18:00 e outra ás 19:00 horas. As dúas terán prazas limitadas, e é preciso inscribirse a través do teléfono 646 593 319 ou no correo electrónico turismo@padron.gal.

No mesmo día, ás 20:00 horas, haberá unha mesa redonda aberta ao público, con relatoras identificadas como “As Rosalías da Vida”, que representarán a todas esas mulleres que se senten “un pouco Rosalías”. Este último acto é aberto ao público ata completar aforo.

Publicado o 22 Mar 2018 en Cultura, Portada, Santiago de Compostela.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies