• Segue conectado
  • |

Santiago aproba os orzamentos municipais para o exercicio 2017

Santiago de Compostela | O Pleno da Corporación aprobou este sábado os orzamentos do Concello de Santiago para o exercicio 2017. A proposta presentada polo Goberno local foi apoiada polo BNG, coa abstención do PSOE e o voto negativo do Partido Popular.

Os orzamentos deste 2017 son o resultado do proceso de diálogo que puxo en marcha o Goberno no pasado mes de outubro e que tivo como resultado un documento que incorpora numerosas achegas de todos os grupos, en particular do BNG e do PSOE, así como mocións aprobadas no Pleno.

 

As contas, tal e como explicou a concelleira, ascenden a máis de 106 millóns de euros de forma consolidada e “son expansivas, participativas e cun marcado carácter ecosocial”. No documento orzamentario “consolídanse as dúas grandes apostas do vixente exercicio: as políticas sociais e o mantemento e reequilibrio territorial, ao mesmo tempo que se suman outros dous eixos: a Compostela verde e a Compostela cultural”.

Políticas sociais

En políticas sociais, mantense a liña establecida no orzamento do 2016 e a dotación orzamentaria para a ordenanza de renda básica Compostela + para continuar construíndo a Compostela social a medio e longo prazo. Increméntase o orzamento para o servizo de axuda no fogar nun 14%, prevendo novas exencións para persoas con menor renda, así como unha mellora nas prestacións do servizo.

Incorpórase tamén unha partida para reformas e adquisición de mobiliario para catro pisos en Fontiñas, de propiedade municipal, para continuar co Programa de Atención ás Persoas sen Teito, programas de emerxencia social e Housing First.

Tamén se continúa co gran contrato de mantemento por valor de 1,2 millóns de euros, porque “querer é manter”. Seguirase pois investindo en manter a rede viaria do noso concello para suplir o déficit do último mandato.

Equilibrio territorial

Segundo explicou a concelleira, o Goberno local quere seguir avanzando na redución da fenda existente entre a Compostela urbana e a rural. Por iso incorporáronse novos investimentos, como un vehículo rozador de 120.000 euros, sinalización no rural por 20.107 euros, paneis informativos unificados para o rural por valor de 72.000 euros e pavimentación do campo da festa de Marrozos (todas elas accións resultado do proceso de Orzamentos Participativos).

A maiores, incorpóranse investimentos que resultaron moi votados nese proceso de OP, pero que por cuestións orzamentarias quedaron fóra. Tal é o caso da ampliación da ponte en Laraño e de obras de abastecemento en Figueiras por valor de 140.000 euros.

Entre outros investimentos do rural destacan: a ampliación da ponte na Cañoteira e Outeiro de Marrozos, por valor de 212.000 euros; a obra de mellora do firme no cruce Chorente de Nemenzo a Busto, por 180.000 euros; a obra de abastecemento e saneamento nas parroquias de Figueiras, Aríns e Villestro, por 180.000 euros; e a ampliación e mellora de espazos públicos no campo da festa do Eixo, cun custo de 140.000 euros.

Compostela cultural

O Goberno municipal aposta por unha Compostela cultural. Por iso, no borrador incorpórase o orzamento de Cultura máis elevado dos últimos cinco anos, cun incremento global do 14%. Prodúcese un incremento na achega que fai o Concello ao Auditorio en 175.000 euros, o que supón un incremento dun 16% para suplir a redución doutras entidades sen minguar a oferta cultural do Auditorio.

O Executivo local cumpre coa súa promesa de reducir paulatinamente as subvencións nominativas e faino nun 36% para este exercicio, ao mesmo tempo que se incorpora unha liña de subvencións por concorrencia competitiva para desenvolver actividades culturais.

Compostela verde

Ademais, apóstase pola Compostela verde, cunha proposta de orzamento superior nun 10,5% ao ano pasado, sendo o orzamento máis elevado dende o 2009. Entre as actuacións a levar a cabo destacan: o parque infantil Outeiro do Sar, por 145.200 euros; a instalación de cubertas en catro parques infantís, por 200.000 euros (ambas de Orzamentos Participativos); a renovación do parque infantil Pablo Iglesias (Vite), por 80.000 euros; a senda peonil no río Sar Viso-San Lázaro, por 50.000 euros (EDUSI); e a senda peonil no río Sar Rocha-Vidán, por 50.000 euros (EDUSI).

Renovarase o alumeado público por un importe de máis de 1.700.000 euros (1,5 IDAE, 100.000 Orzamentos Participativos, 150.000 euros outros investimentos), o cal permitirá renovar alumeado público de forma máis respectuosa co medio ambiente e coa redución na emisión de medio millón de toneladas de CO2 en dez anos, ademais do aforro enerxético de máis de 200.000 euros que supón ao ano.

Tamén se incorpora nos orzamentos unha partida de 80.000 euros para o novo prego dos RSU, apostando pola compostaxe. No relativo á EDAR, inclúese unha partida de 70.000 euros para o 2017, sumada aos 70.000 do 2016, para o caso no que o resto de administracións queiran apostar igualmente por este investimento.

Investimentos ecosociais

A partida en investimentos suma un total de 10.044.065,30 euros que se destinarán, fundamentalmente, aos proxectos resultantes do proceso de orzamentos participativos e da EDUSI, cuxos proxectos foron consensuados cos grupos da oposición mediante a enquisa de priorización enviada.

Entre as propostas da EDUSI destacan dúas fundamentais para Compostela, demandadas ademais pola veciñanza dende hai anos: as obras en Castrón Douro e Batalla de Clavijo, orzamentadas en 625.000 euros para o 2017 e 500.000 euros, respectivamente.

Destaca outro investimento de marcado carácter ecosocial como é a mellora de accesibilidade na rúa Triacastela. Tamén se incrementa a partida destinada a reparación de edificios educativos nun 15%, ata un total de 460.000 euros, e proxéctanse obras de reforma do Estadio de San Lázaro por 763.000 euros, grazas a un convenio coa Federación Galega de Fútbol.

No eido educativo, procederase á reforma do alumeado no Campo do Lamas de Abade, por 95.000 euros; continúase co plan de reforma de parques infantís de colexios, incorporando orzamento para reformas en catro parques de 53.000 euros; e apóstase pola senda peonil no campus educativo do Lamas de Abade, por 60.000 euros e pola mellora dos accesos no mesmo recinto por valor de 136.084 euros, ambas resultado do proceso de Orzamentos Participativos.

Publicado o 20 Feb 2017 en Santiago de Compostela.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies