Sanamedio recupera a tradicional romaría das letras con máis forza

Romaria Sanamedio

Bueu | Sanamedio recupera a súa tradicional Romaría das Letras Galegas, que este ano celebra a décimo oitava edición, tras un parón dun ano. As actividades, organizadas polo Concello de Bueu, a Asociación Cultural Sanamedio, Grupo de Gaitas Liboreiro, o e o Grupo de Danzas Pais de San Roque, celebraranse o 17 de maio no lugar de Sanamedio (Bon, Beluso) a partir das 12 horas e inclúen música, actividades e comida para acoller ás diversas variedades de públicos.

Segundo apuntaron membros da Asociación de Sanamedio, “a idea é que se recupere con máis forza unha festa con moita tradición entre a veciñanza e os arredores nunha contorna privilexiada”.

Míriam Ferradáns, veciña de Bon e recoñecida poeta, será a pregoeira deste evento, que nace coma unha homenaxe a Carlos Casares. A partir das 12.30 horas, comezará o concurso de debuxo para nenos/as cos temas “Letras Galegas” e “Sanamedio”, amenizado pola música das agrupacións Grupo de Danzas Pais de San Roque con Os Liboreiros, Grupo Folclórico Anaquiños, e ás 13.30 horas, xogos populares (tiro a corda, aros, zancos, carreira de sacos e carretillas, pesca no río…)

Xa pola tarde, ás 16 horas arranca o festival infantil coa actuación do Grupo Danzas de San Roque e As Falcatrueiras, e Asociación Cultural Retrouso de Cela.

Ás 17 horas, será a quenda do grupo Inter Noi, que ofrecerá a súa música aos presentes, e a continuación actuarán o Grupo de Baile Anaquiños, Escola de Danza Vila de Baiona.

Ás 19 horas rematarase o concurso de debuxo e entregaranse os premios aos gañadores/as, rematando cunha actuación da comparsa Vou nun bou e un sorteo de rifas.

Dende a Asociación destacan que no recinto da romaría haberá bar, e venda de polbo e racións a prezos populares para todas as persoas que desexen quedarse a xantar.