Reiníciase o Regulamento de Participación Cidadá

Ponteareas/EU | No Pleno Municipal de Ponteareas do pasado 17 de xaneiro, aprobouse por unanimidade a proposta de EU-son de aprobar o Borrador de Regulamento de Participación Cidadá de Ponteareas consensuado entre todos os grupos da Corporación Municipal e iniciar o proceso de debate do mesmo coa veciñanza de Ponteareas respectando as Normas para a súa elaboración, propostas por EU-son e aprobadas no Pleno de setembro de 2015.

 

Lino Costas -concelleiro de EU-son- defendeu a proposta xa que o proceso de elaboración do documento cos colectivos non se axustaba ás normas previamente aprobadas polo Pleno.
ESQUERDA UNIDA considera que estas normas, cunha serie de puntos concretos que buscaban a máxima participación na elaboración do Regulamento, non foron respectadas pola Xunta de Goberno, polo que esta organización viuse na obriga de presentar unha nova proposta para que a elaboración do Regulamento de Participación Cidadá de Ponteareas se faga segundo o acordado.
A Xunta de Goberno limitouse a distribuír o borrador consensuado entre todos os grupos da corporación a algúns colectivos xunto a un documento para a presentación de “achegas ou suxestións”, pero sen indicarlles claramente cales eran os prazos. Este procedemento ademais adoeceu de falta de difusión e explicación do proceso, algo totalmente contrario á proposta que EU-son levou ao pleno en setembro de 2015.
ESQUERDA UNIDA alégrase de que finalmente todos os grupos da Corporación Municipal aprobaran a proposta de reiniciar o proceso para facelo realmente participativo e agarda que esta rectificación da Xunta de Goberno se materialice en feitos concretos.