• Segue conectado
  • |

“ A rehabilitación do Casco Vello é un proxecto novo que forma parte do meu plan”

Abel Caballero | Alcalde de Vigo

Entrevista Abel Caballero

Cando se cumpren dez anos da chegada de Abel Caballero (Ponteareas, 1946) á Alcaldía de Vigo falamos con el de boa parte das iniciativas e proxectos pendentes na cidade. Así, repasamos desde a recuperación do Casco Vello ao traslado das dependencias xudiciais ao edificio do antigo Hospital Xeral, pasando pola recente vitoria de Pedro Sánchez nas primarias do PSOE. O único tema esquivado, como vén sendo a tónica desde hai meses, a reforma de Balaídos.

Vigo é unha cidade en continuo movemento, sempre comezando novos proxectos. Este sen dúbida é o caso da Panificadora. Porén, para levalo a cabo é necesario superar as diferencias cos propietarios. Xa existe acordo con eles? Será moi alto o custe económico?

A cuestión máis importante é lanzar o proxecto. E xa sabemos o que queremos facer. Queremos rehabilitala e manter a estrutura orixinal, de forma que toda esa zona pase a ser de interese público. Vai ter lugares de encontro e de cuestións relacionadas da Zona Franca e coa actividade económica de Vigo. Cos propietarios temos fórmulas, a través do que marca a lei, pero o importante é que a imos rehabilitar. Nesta cidade levamos 50 anos esperando a que isto se fixera e agora empeza a ser realidade.

Continuando coa recuperación do centro da cidade, a construción do túnel na Porta do Sol significa un paso máis neste sentido. Pode entenderse como unha continuación da rehabilitación do Casco Vello que se iniciou durante o bipartito PSOE – BNG no 2007?

Non. Isto é un proxecto completamente novo que forma parte do plan que estou desenvolvendo como alcalde. Trátase de refacer Vigo, de volver a construír a cidade, de buscar puntos de encontro. A rehabilitación máis importante do Casco Vello foi a Praza da Constitución e a Praza da Princesa, que se fixo hai pouco. Pero a Porta do Sol é distinto a todo isto, xa que é o lugar de encontro da cidade de Vigo que nunca tivo e que a partir de agora vai ter.

Outro proxecto relevante é a reubicación das dependencias xudiciais no edificio do antigo hospital xeral. Será capaz este inmoble de dar cobertura suficiente a este servizo?

Este inmoble pode dar cobertura a este servizo e a todos, porque é inmenso. A cuestión é que a Xunta tardou moito en dedicar servizos a este proxecto e polo camiño nos obrigou a gastar 3 millóns e medio de euros na expropiación deste terreo que finalmente non se utilizou. Penela, o arquitecto, desenvolveu un proxecto magnífico do que sairá unha gran cidade da xustiza.

Con este traslado moitos cidadáns e cidadás se preguntan que pasará cos dous edificios que quedarán baleiros na rúa Lalín.

Querémolos para uso social. Non descarto que solicitemos que a Biblioteca do Estado se ubique neste solar, pero o importante é facer unha nova dimensión do campus universitario central, dándolle cabida á UNED –que eu trouxen a esta cidade, porque a xente de Vigo ía estudar á UNED de Pontevedra-, Enxeñería Industrial e Económicas –á que este Concello lle cedeu novamente o edificio que ocupa.

Levamos anos a voltas coa construción da Cidade do Mar, de tanta relevancia para a Universidade de Vigo. Cal é o seu análise do punto no que se atopa?

A Xunta de Galicia deixou abandonada a ETEA sen construír a Cidade do Mar. Tiña a obriga de cederlla á Universidade de Vigo e non o fixo; pola contra, agora pretender cobrarlle 5 millóns e medio de euros a Zona Franca por aqueles edificios para que a propia Zona Franca llos doe á Universidade. Como consecuencia, a Cidade do Mar vai ser costeada por Vigo con cartos de Vigo, mentres que a Xunta, en lugar de poñer os cartos vai recibir cinco millóns e medios de euros que vai investir sabe dios onde, seguramente en Coruña.

Para que a estación de Tom Mayne sexa totalmente operativa, Vigo necesitaría poñer en marcha en marcha a saída sur. Porén semella que ultimamente esta proposta está paralizada. Non cre que a cidade debería presionar para sacala adiante?

O tema central é o AVE a Madrid e todo o demais é distraer a atención. Esiximos que se poida ir de Vigo a Madrid directamente por Cerdedo en dúas horas e media. Pero estamos atopando o absoluto rexeitamento de Feijóo, que ten outro proxecto de Galicia no que non está Vigo como ten que estar, e atopamos ao Partido Popular de Vigo noutra dimensión. A conexión Vigo – Ourense – Madrid por Cerdedo é clave neste territorio.

Resulta inevitable falar do acordo (e posterior desacordo) co Celta sobre Balaídos. Ve algunha solución axeitada para a cidade neste eido?

Contestareille do mesmo xeito que as outras veces que me preguntan por esta cuestión: non falarei deste tema até o final da temporada deportiva.

A reforma de Balaídos é unha obra importante para o fútbol vigués, pero hai outros deportes que tamén necesitan unhas instalacións axeitadas. En que punto se atopa o proxecto para reformar as pistas de atletismo?

Hai moitos proxectos que se están levando a cabo. Estamos construíndo pavillóns, ámbitos deportivos, campos de fútbol… estamos revolucionando as infraestruturas deportivas. As pistas de atletismo tiña que pagalas a Xunta e até agora non se está explicando. Levamos dous anos e medio, case tres, esperando. Non puxo nin un euro para a reforma de Balaídos e como sempre, aquilo que depende da Xunta de Galicia en Vigo non atopa luz verde.

Estamos falando de grandes proxectos, pero as pequenas obras tamén fan cidade. Refírome ao mantemento que precisan os colexios públicos, en concreto á reforma de aseos e a instalación de calefacción, como no Escultor Acuña e no Seis do Nadal. Co dilema de se corresponde ao Concello ou a Xunta hai centros que non están sendo suficientemente atendidos.
Non hai ningún dilema, estas obras que menciona correspóndelle á Xunta. Pero como a Xunta non o fai o estamos facendo nós. Estamos facendo comedores, realizando melloras en todos os colexios, facendo patios cubertos… e todo porque a Xunta de Galicia non cumpre co seu papel.

Para rematar, quixera que fixera unha pequena valoración da vitoria de Pedro Sánchez nas primarias do PSOE, tendo en conta que vostede apoiou a Susana Díaz.

A vitoria de Pedro Sánchez foi unha gran vitoria, incontestable, con todo o aval democrático dunhas eleccións primarias nas que houbo un nivel de participación elevadísimo e sen ningún incidente. Eu apoiei a Susana, porque pensei que era a mellor opción para o Partido Socialista. Pero dado que Pedro Sánchez foi o gañador eu o felicitei e a el lle toca levar o timón do partido e marcar o rumbo do socialismo español.


Xornalista. Estudou Filosofía, Traballou no departamento Prensa e Comunicación do Grupo Municipal BNG Concello de Vigo. Colabora en varios xornais galegos. Colaboradora no Concurso de Microcatrorelatos do Café De Catro a Catro.
Publicado o 1 Xuñ 2017 en Entrevistas.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. Faga click no enlace para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies