• Segue conectado
  • |

A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas de 2018 a María Victoria Moreno

O Pleno da RAG acordou homenaxear o vindeiro 17 de maio a escritora de orixe estremeña, unha das voces pioneiras da narración en galego destinada ao público máis novo

María Victoria Moreno

A Coruña | O Día das Letras Galegas de 2018 estará dedicado á escritora e profesora María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1941 – Pontevedra, 2005). A decisión adoptouse no Pleno ordinario da Real Academia Galega celebrado na Coruña, no que tamén se nomeou académica de honra a Marina Mayoral e académicos e académicas correspondentes a Takekazu Asaka, Marcos Bagno, Olga Castro, Helena González, Kirsty Hooper, Helena Villar Janeiro e Helena Zernova. Licenciada en Filoloxía Románica en Madrid, María Victoria Moreno chegou a Galicia en 1963, con só 22 anos, como profesora e axiña asumiu a cidadanía en galego, idioma no que enriqueceu as nosas Letras tanto na narrativa -nomeadamente a infantil e xuvenil- como nos estudos literarios, no ensaio, na poesía e na didáctica da lingua e da literatura galegas.

“Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía (…). A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”, declaraba María Victoria Moreno, en 1993, no congreso “Poetas alófonos en lingua galega”. Dúas décadas atrás, a autora publicara Mar adiante (Edicións do Castro, 1973), o seu primeiro libro en galego (ilustrado por ela mesma), un ano despois de gañar con Crarisa e o luceiro o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís do Facho. Con esta primeira novela, a profesora de orixe estremeña convertíase nunha das voces pioneiras da narración en galego destinada ao público máis novo, ao que dedicaría tamén boa parte da súa produción literaria posterior con notable recoñecemento tanto da crítica como do público.

Outro título destacado na súa traxectoria, Anagnórise (Galaxia, 1989), é un dos maiores éxitos da literatura xuvenil na nosa lingua: a novela foi incluída na listaxe de honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil) en 1990 e chegaron a se editar en poucos anos vinte edicións. Pero o seu libro preferido era Leonardo e os fontaneiros (Galaxia, 1986), co que gañou o terceiro premio O Barco de Vapor de 1985. Con Gedellas de seda e liño (1999), outra das historias nas que demostra a súa capacidade de chegar ao público adolescente, entrou na prestixiosa listaxe internacional de White Ravens 2002. Un par de anos despois sairía do prelo Diario da luz e a sombra (Xerais, 2004), onde reflectiu a experiencia da enfermidade que acabou pouco despois coa súa vida, o 21 de novembro de 2005.

María Victoria Moreno soubo tamén transmitir a paixón pola lingua e a literatura como profesora, tanto nas clases de lingua galega semiclandestinas que impartía gratuitamente nos anos 70 en Pontevedra (Asociación de Amigos da Cultura, 1971-1974), Vilagarcía de Arousa (1973-1975) ou Ourense (Ateneo, 1974-1975) como nas oficiais de Lingua e literatura españolas que deu durante décadas no ensino secundario. Polas primeiras, en concreto as impartidas no Ateneo de Ourense, a Policía de Pontevedra chegou a retirarlle o pasaporte a comezos de 1975 por entender que esta institución estaba gobernada por dirixentes subversivos.

No instituto de Lugo orientou as inquedanzas lingüísticas e literarias dun dos seus alumnos, Xesús Rábade Paredes, promovendo a edición do seu primeiro libro de poemas, que lle prologou. Tras un par de anos nesta cidade e mais un tempo en Vilalonga (Sanxenxo), volveu a Pontevedra, onde seguiu engaiolando a xeracións de rapaces e rapazas, primeiro no instituto Valle-Inclán e despois no Torrente Ballester, ao que lle legou a súa biblioteca persoal.

No eido educativo asinou, ademais, libros de texto que aínda hoxe se consultan: foi coautora de Literatura [galega]. Século XX, para COU (Galaxia, 1985), e de Literarura [galega], para 3º de BUP (Galaxia, 1987). As linguas de España e Verso e prosa (Xunta de Galicia, 1991) son outros exemplos do seu traballo rigoroso no eido da didáctica. E tamén cómpre lembrar que foi mestra de mestres en cursos como os que impartiu sobre literatura galega para docentes a comezos dos 80.

A tradución é outro terreo no que María Victoria Moreno realizou achegas destacadas. Verteu obras desde o catalán, idioma co que dialogaba como filóloga e poeta, e realizou as traducións aos castelán da antoloxía bilingüe Os novísimos da poesía galega (Akal, 1973), escolma que preparou e prologou ela mesa con poemas de Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño ou Xesús Rábade. Cómpre tamén lembrar outras facetas da autora, como a de libreira en Pontevedra, onde abriu xunto a outros intelectuais, en 1968, a libraría Xuntanza, unha trincheira máis para promover a literatura e espallar os libros. No eido editorial, foi ademais codirectora da colección infantil de Galaxia, Árbore, desde o seu inicio.

Marina Mayoral, académica de honra

Alén da elección da figura literaria que protagonizará o Día das Letras Galegas de 2018, na sesión plenaria da RAG de hoxe nomeouse académica de honra a Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942). Catedrática xubilada da Universidade Complutense de Madrid, novelista e columnista premiada, é autora dun caudaloso labor rosaliano co que levou o nome da escritora fundacional das letras galegas a tribunas académicas de todo o mundo. A súa primeira grande achega é a súa tese de doutoramento, La poesía de Rosalía de Castro (Madrid, Gredos, 1974), prologada polo profesor Rafael Lapesa, á que seguiron outros estudos e edicións de diferentes títulos da escritora. O universo literario de Emilia Pardo Bazán débelle tamén edicións e investigacións que a converten nunha das grandes autoridades na autora coruñesa.

Como narradora, é autora de máis de vinte títulos. Algúns deles, publicados orixinalmente en galego, ademais de moi reeditados, foron traducidos a varios idiomas: Unha árbore, un adeus, Chamábase Luís, Tristes armas, Quen matou a Inmaculada Silva?

Sete novos académicos e académicas correspondentes

Na sesión plenaria deste sábado cubríronse ademais sete vacantes de correspondentes. Serán ocupadas por Takekazu Asaka (Toquio, 1952), profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku, autor da primeira gramática galega para xaponeses e tradutor ao xaponés de Rosalía e outros autores das nosas letras; Marcos Bagno (Cataguases – Brasil, 1961), profesor da Universidade de Sao Paulo, recoñecido lingüista e defensor dunha nova visión do portugués, en que subliña a súa orixe galega; Olga Castro (Lugo, 1980), profesora de estudos de tradución da Universidade de Aston (Birmingham) e especialista na interacción entre xénero, linguaxe e tradución; Helena González Fernández (Comesaña – Vigo, 1967), profesora titular de lingua galega e investigadora do Centre Dona i Literatura da Universidade de Barcelona; Kirsty Hooper, profesora de Estudos Hispánicos da Universidade de Warwick (Coventry, Reino Unido), coordinadora do Hispanic Liverpool Project e tradutora de Cousas de Castelao; a escritora Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940), unha das autoras pioneiras da literatura galega para infancia e tamén unha das primeiras profesoras de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario; e Helena Zernova (San Petersburgo, 1973), directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo e tradutora ao ruso das obras máis senlleiras da nosa literatura.

Publicado o 2 Xul 2017 en A Coruña, Lingua, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. Faga click no enlace para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies