• Segue conectado
  • |

Raíz e tempo.

Cando acudo a miña casa familiar en Mourigade sempre descubro que aquelas profundas raiceiras espertan en min lembranzas vellas, que sempre tiveron unha influencia decisiva na formación do meu pensamento. A paisaxe que a arrodea atesoura historias individuais e colectivas. As súas terras teñen tantos nomes como ferrados ten o territorio. Non hai un baldío que non teña cadansúa denominación propia. A maxestosa xeografía pola que corre ao seu pé o río Gallo, formado polas cofluencias dos regos de Sequeiros e Corbáns que baixan do monte Xesteiras, coroado pola mítica pedra da Águia dende onde o señor Pardal quixo facer voar a súa cadela con ás de palla intentando demostrar que era posible voar, puxeron a proba os seus rudimentarios coñecementos, que tamén foi lugar de refuxio dos fuxidos da parroquia o día da sublevación militar franquista ao fronte do cal se puxera Manuel Coto Chan, que deixou escritas nunha libreta as súas vicisitudes tituladas “Memorias dun proscrito”.

Mourigade provén dun nome medieval, Maurecatus ou Mauregat. Houbo un rei con ese nome no século XVIII. Este lugar esta na parroquia de Couselo que, alguén con bo criterio, data as súas oríxes en 1064 cando o abade Ansilano mandou construír o cenobio de San Miguel de Couselo na ladeira do monte a onde acudin tantas veces coa miña tía Avelina na procura de herba da braña de mosteiro, que recibía ese nome por formar parte do mosteiro.

Dende a nosa casa familiar temos na fronte un inmenso val que ten no horizonte inmediato a parroquia de Arcos de Furcos, da que nalgún tempo todas as familias das casas da parroquia tiñan un fillo crego. Un dos que coñecín, ademais déuse a cirunstancia de ser veciño no edificio onde vivo en Vigo, foi Alfonso Magariños, falecido non hai moitos anos aínda,que sobranceu polas súas monografías sociolóxicas. Mais sendo iso unha anécdota que conta moito para entender o poder da Igrexa, Héitor Picallo, un mozo estudoso da historia local, despois de facer rastrexo nos libros parroquiais, afirma que o meu avó paterno era sobriño neto de Diego Antonio Zernadas y Castro, o “Cura de Fruime” (1702-1777), un precursor do galeguismo. Nas conversas familiares nunca se falara diso, quizais por relativizar a evidente omnipresencia do clero e descoñecer o importante papel desempeñado por tal crego no Rexurdimento.

Daquela, o meu avó parterno, Manuel González Cernadas, mestre canteiro, que anos despois marchou para a Axentina deixando a miña avoa Dorinda formando parte da confraría das “viúvas de vivos”, tivo de aprendices a Xoán Xesús González, o fundador da Unión Socialista Galega e fundador dos “Terzos de Calo”, paseado polos sublevados, e a Enrique Líste, nados ,respectivamente, en Sebil, parroquia de Cequeril, e Piso, da parroquia de Arcos de Furcos, co que aprenderon o oficio dos arxinas. cómpre aclarar aqui este dato biográfico; non naceu en Teo, naceu en Piso, extremo que el me confirmou cando o sorprendín facéndolle esta reveladora afirmación. Foron tamén compañeiros dun meu tio, Jesús González, que pasado o tempo foi mestre nar artes, construtor de moitas obras, entre elas a ermida do monte de A Guía de Vigo, deseñadas por don Manuel Gómez Román, o arquitecto galeguista “soñador das mil Compostelas” en acaida expresión de Ramón Otero Pedrayo, a quen eu coñecín e tratei sendo neno por ser amigo da nosa casa e veciño meu en Teis.

Quen non ten pasado non ten esperanzas .Os soños reverdecen o pasado e das dúas experiencias valémonos para encarmos o futuro.Velaí porque cómpre converter os soños en realidades. Realidades que hoxe materialízanse en proxectos e compromisos regaleguizadores en todos os ámbitos da vida social, cultural e económica. Eís o sentido da transversalidade que úne o pasado co futuro co quefacer cotiá. Imaxinar o futuro é o que fixo Xosé Manuel Pérez Canal de Aceites Abril, chegando a acordos coas miñas curmás de Mourigade para plantaren oliveiras.

A miña casa de Mourigade, e o que ela representa, dáme pulos para traballar por unha Galicia máis galeguizada. Velaí para forza telúrica da Terra. O futuro depende do entusiasmo que poñamos cada un de nós.


Director da revista Lingua e Dereito. Presidente da Fundación dos premios da Crí­tica de Galicia. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Colaborador da Enciclopedia Galega Universal e asesor literario da editorial Ir Indo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüí­stica e da Asociación de xuristas en galego. Fundador da Fundación Galicia Empresa. Ademais, fundador da Fundación Lois Pena Novo.
Publicado o 2 Dec 2018.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies