Querer lembrar.

Hai un par de anos participei na elaboración dun monumento conmemorativo da memoria a 57 mulleres en Sartaguda. Foi un proxecto-homenaxe a aquelas mulleres que sufriron a represión e a dor, lembradas e traídas á reposición da súa/nosa honra. Mulleres que “os vencedores” deixaron sen homes e que foron por riba foron avergoñadas publicamente. De aí que lle chamaran “O pobo das viúvas”.

Por se alguén non sabe, xa desde o ano de 1980 Nafarroa deu conta, no Val dos Caídos, dun acontecer decidido e valente, van case corenta anos do suceso, cando familiares de republicanos asasinados chegaron a Cuelgamuros, en dous autobuses, e recuperaron os restos de 136 persoas para podelos enterrar de novo onde quixeran ter sido enterradas, na súa terra, cos seus.

Parte dos chamados “perdedores”, perseguidas e perseguidos polo franquismo e que quedaron no esquecer da silente transición, por fin repousaron canda os seus. Foi o principio dunha loita, outra, que aínda dura e que se repite cando se fala de recuperar dignidade e repoñen a honra que, todo hai que dicir, é de heroicidade. Aqueles asasinos deixáronos primeiro polas gabias e arredores dos cemiterios, en fosas comúns ou tirados polos precipicios do mar. Despois “amoreáronos” no Val dos Caídos. No conxunto do Estado serían, segundo o cómputo da causa fallada do xuíz Garzón, máis de 114.000 persoas. Desaparición forzada en tres mil cincocentas execucións quedaron prendidas de supostos números que quedaron impregnadas dos medos e silencios que hoxe perduran ao ver xente que aínda, despois do tempo, segue a perpetuar os crimes con xustificacións e escusas que non son razón, pero demostran a pouca capacidade de empatía coas que sofren a dor en propias carnes. En Nafarroa constituíron un movemento asociativo, a partir aínda do 2015 para romper as trabas que desde os organismos sempre lles puxeron. A Asociación Altaffaylla, composta por familiares e historiadores, realizou un primeiro cómputo de vítimas e buscou datos e informes nos arquivos que non foran destruídos. “Navarra, de la esperanza al terror” recolleu un primeiro número de 2.850 persoas asasinadas en retagarda. Despois as familias foron creando as súas propia asociacións. Empezaron as exhumacións, Sartaguda, Cárcar, Funes, Marcilla, Andosilla, Murchante, Cortes… E fixeron unha programación urxente de exhumación, primeiro foron polos restos dos navarros executados na Academia Militar de Zaragoza, enterrados nunha enorme fosa común no cemiterio. Voluntarios, técnicos. Recuperaron por riba de varios centos, moitos, de restos de persoas. De Zaragoza a O Escorial. Aquilo fíxose ás présas e sen rigor, de tal xeito que repartiron os restos entre 18 lugares distintos e con homenaxes correlativos en cada un dos lugares das vítimas de Nafarroa en Zaragoza. A Asemblea de Sartaguda iniciou novas exhumacións de fosas e conseguiron poñerlles nome ao recuperar os libros da prisión, con rexistros de saída para a execución, de Iruñea. Decenas de novas iniciativas xuntaron novos concellos e asociacións. Pero o maior fito estaba por chegar, xa que un grande activista de memoria, Salvador Miguel Amatria que foi alcalde de Sartaguda conseguiu a exhumación do Val dos Caídos grazas á determinación de tantas asociación e xente colaboradora. Foron 144 navarros, pero tamén 433 de Araba, gudaris e milicianos mortos na fronte de Legutio. Repatriaron aos executados enterrados no mausoleo de Franco, cando el xa estaba alí. Non sairían de alí mentres non viñesen de volta cos seus heroes, e foran en dous autobuses cheos, mentres non lles devolvesen os restos. Sacaríanos do medio da farsa aquela. Un informe de 1958, da Garda Civil tiña precisión do lugar onde se atopaban. Volveron para a casa sen identificar, unicamente poñía “descoñecido” en cada caixa. A Asemblea decidiu repartilos entre os pobos, aquelas 136 caixas, e en todos os lugares renderon homenaxe e, de momento, volveron á súa terra e á honra que merecen. E, pregunto eu, non habería que tomar nota e ir facendo aquí algo parecido desde unha mesma de dignidade?

Mestre e músico.